Durante catro días Vigo será a capital da improvisación oral

VIGO

Regueifas, hip-hop e a retranca literaria son os estilos incluídos O Centro Veciñal de Valladares organiza este certame internacional dende hai oito anos

17 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O Centro Veciñal e Cultural de Valladares convoca un ano máis o certame internacional de improvisación oral, que vaise desenvolver en diferentes lugares da cidade de Vigo entre o 24 e o 27 de setembro. Esta octava edición do certamen comeza no Verbum, o vindeiro venres, coa especialidade de poesía con tranca e inxeño. Dende as oito das tarde, participarán Carlos Solla, de Cerdedo; Antón Lopo, de Compostela; Río Lagares (Xavier Queipo e Misterchoco) de Vigo; e Xavier Theros de Barcelona. Esta primeira sesión terá como presentador a Xosé Couñago. O día seguinte, o certame trasládase ao auditorio municipal. A partir das sete da tarde, desenvolverase o concurso de hip-hop, no que participarán Mon, de Compostela; David O Jevi , de Compostela; Loco 23, de Pontevedra; Efren, de Barcelona; e Alberto Huracán, de Barcelona. O pinchadiscos que porá as bases para que rapeen os mc's será Laese, de Pontevedra. Todo o Estado O día 26 de setembro, novamente o auditorio municipal acollerá a parte adicada á regueifa. Primeiramente, dende as 18.00 horas, os novos regueiferos galegos terán media hora para amosar o seu saber improvisador. Despois, Caldebarcos S.L., de Carnota, representará unha dramatización dunha regueifa. Sucesivamente, pasarán polo escenario os glosadores maiorquíns Francisco Bufi, Josefa Tur, Vicente Bufi e Francisca Juan; os regueifeiros galegos Luis O Caruncho e Jesús de Ventura; os portugueses Jorge Martíns e grupos; e Los Poetas del Genil, Gerardo Páez e José Arévalo de Andalucía. A derradeira xornada terá como obxecto a retranca literaria, e como protagonistas a Basilio Cogo, Bieito Iglesias, Álvaro Lago e Camilo Franco, todos galegos. Esta xornada, o luns 27, desenvolverase no salón de actos de CaixaGalicia, a partir das oito da tarde. Os días 25 e 26, terá lugar na Federación de Asociaciones de Veciños, un obradoiro de improvisación oral dirixido por Luis O Caruncho . Os interesados terán que inscribirse a través do teléfono 986 467 053. Os organizadores deste certame internacional contan co patrocinio do Concello e a colaboración económica da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, a Federación de Veciños Eduardo Chao e Caixa Galicia.