O cangrexo de río americano en Galicia

| ESTANISLAO FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA |

VIGO

NATUREZA DE AQUÍ E DE ALÍ

09 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

O CANGREXO de río americano Procambarus clarkii , chamado tamén cangrexo vermello das marismas por ser precisamente nas marismas do Guadalquivir o primeiro lugar onde se ten introducido en España no ano 1974, veu a ocupa-lo nicho que deixaba baleiro o cangrexo autóctono Austropotamobius pallipes , dezmado ata o mesmo exterminio en moitísimos lugares pola acción dun fungo que rematou con poboacións enteiras. A súa orixe está nas zonas pantanosas que bordean o golfo de México, dende a Florida ó Iucatán. En Galicia, o cangrexo de río autóctono estaba asentado sobre todo na parte oriental, en zonas calizas da provincia de Lugo, pois as augas lixeiramente ácidas da maior parte do país non favorecían o seu desenrolo. Pero o cangrexo americano non só desterrou ó que aquí vivía, senón que se asentou en outros moitos lugares onde os cangrexos de río xamais estiveron presentes. Na provincia de Pontevedra atopámolo abondosamente no Baixo Miño, dende Salvaterra á Guarda, e no río Pontiñas, en Lalín. Na Coruña, no encoro de Cecebre é unha praga, e no río Artes ata o Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán comenzouse a ve-lo pasado ano. En Lugo, na lagoa do río Caldo, en Begonte, na parte meridional da Terra Cha, non hai máis de dous anos que se acharon por primeira vez, e en Larouco, na conxunción dos ríos Xares e Bibei, tamén está presente. Na provincia de Ourense, resulta moi abundante ó longo da canle da disecada lagoa de Antela, polos concellos de Rairiz de Veiga e Xinzo. E todas estas aparicións, en lugares distantes, ocupando masas de auga diferentes, dende ríos de curso lento a encoros, lagoas artificiais e marismas, son froito da introducción directa do home. Na actualidade sácanlle partido só as londras, os visóns americanos e os raposos, así como as cegoñas e garzas que dan conta dunha boa cantidade deles. Nas marismas do Guadalquivir a producción de cangrexo americano acadou, no 2001 un total de 3000 toneladas, converténdose no primeiro lugar de capturas de España e, incluso, de toda Europa, cantidade que se podería incrementar aínda máis se a talla legal para a súa comercialización, establecida en 8 cm baixara lixeiramente. En Galicia, preferimos importalo de alí, antes de recoñecer e aceptar que o temos aquí establecido dende hai algunhas décadas e que podería constituír un bo recurso económico.