«Ó meu pai non lle gustaba a miña dedicación ó baile»

Pilar Martínez VIGO

VIGO

Entrevista | Wenceslao Cabezas del Toro, «Polo» O seu traballo continuado pola defensa da cultura e as tradicións galegas será recoñecido coa entrega da medalla do Festival do Gaiteiro que se celebra hoxe en Soutelo de Montes

22 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Os máis de corenta anos que Wenceslao Cabezas del Toro, máis coñecido como Polo, leva traballando a prol da cultura galega serán recoñecidos coa concesión da medalla do Festival do Gaiteiro, que hoxe se celebra en Soutelo de Montes. Na súa traxectoria pódense contar os vintecinco anos como director da Escola Municipal de Danza de Vigo e as gravacións realizadas, entre outras, con Carlos Núñez e coa Real Banda de Gaitas de Ourense. -Despois de tanto tempo dedicado a traballar neste ámbito, as felicitacións pola medalla son inexcusables. -Estou agradecido por este acordo plenario do concello de Forcarei, xa que o Festival do Gaiteiro é unha festa moi bonita desa comarca. Desde logo, convén recibir as medallas cando un está vivo, porque despois xa non serven para nada. -¿Cómo comezou a súa paixón pola música tradicional galega? -Tiña catorce anos cando comecei co grupo Vento das Cíes, da man de José Iglesias Nieto, Melitón, que agora é un home de máis de setenta anos. Eses momentos iniciais foron moi difíciles, non só pola familia, senón tamén coas mozas, que non aceptaban fácilmente a un rapaz vestido co traxe galego. -¿Á súa familia non lle gustaba a súa dedicación á danza? -Ó meu pai non lle gustaba nada, porque como estudiaba no instituto Santa Irene e non tiña moi boas notas, pensaba que o baile restábame tempo de estudio e que saía prexudicado. Co paso dos anos deuse conta do traballo que eu pasaba dando clases durante horas, ademais doutros empregos que tiña, para sacar adiante a cinco fillos. -¿De onde ven Polo, o seu alcume? -A súa orixe, curiosamente, está no nome do meu pai, que se chamaba Hipólito, tamén herdado por un dos meus fillos. -Ademais do nome, ¿herdaron a súa dedicación á danza e a cultura galega? -Si, traballan moito neste campo. Por exemplo, unha das miñas fillas traballa na Escola Municipal de Danza de Vigo como pedagoga, xunto con outros cinco profesores. -¿Cántos alumnos acuden ás clases de danza durante este ano? -Neste curso temos uns catrocentos alumnos matriculados, entre catro e oitenta anos. Calculo que, en total, dende hai corenta e cinco anos daría clase de danza a unhas trescentas mil persoas. -Un evento cultural significativo de Vigo é o Día da Muiñeira. ¿Cándo naceu esta tradición? -Xurdiu aproximadamente no ano 1966, despois de que fixen unha viaxe a Cataluña. Decateime de que todos os domingos, nas Ramblas de Barcelona, e na praza de Cataluña a xente reuníase e bailaba a sardana. A min pareceume unha idea excelente e que aquí poderíamos facer algo similar. -¿A participación nesta festa aumentou moito desde os inicios? -Nos primeiros anos xuntábanse arredor de cento cincuenta participantes no Náutico e agora, na rúa Venezuela, onde se celebra este día desde hai uns dez anos, se apuntan máis de dúas mil persoas. O problema é que non podemos pasarnos de tres mil, porque ese número é a capacidade da rúa.