«Eu tamén comería con Fraga, aínda que se me ocurren mil compañías mellores»

MARTA F. PEDRERA VIGO

VIGO

Ana Gandón Menduiña, concelleira de Muller e Educación É un dos rostros amables da política local. Quizais o sorriso fácil de Ana Gandón tivo algo que ver na puntuación que lle otorgaron os vigueses na última enquisa de Sondaxe, na que acada, xunto a Belén Sío, a mellor nota do equipo de goberno. Nembargantes, a concelleira de Educación e Muller tamén foi o persoaxe da semana por outros motivos: o peche da Universidade Popular ós poucos días da súa reapertura, que levou ó PP a pedir a súa dimisión, e a agresión sufrida por unha prostituta no Berbés.

26 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Ana Gandón é un dos poucos membros do equipo de goberno que logra o aprobado dos vigueses: un 5,3 (como concelleira de Muller). -¿Qué fixo vostede para ter a mellor nota? -Sinceiramente, eu agradezo esa puntuación porque procuro facer as cousas o mellor posible, pero igual que os meus compañeiros. Por iso coido que todo o goberno merecía unha valoración mellor. -En todo caso, as concelleiras saen mellor paradas que os concelleiros... -Non sei por qué pode ser. Quizais porque as mulleres temos unha percepción distinta dos problemas. -¿Gustaríalle ver a unha alcaldesa en Vigo, aínda que fose doutro partido? -Gustaríame ver a unha muller nos máximos postos de decisión en calquera cousa: na alcaldía, nos medios de comunicación, nas empresas... -¿Que opina do suspenso casi xeral que recibe a corporación, incluido o alcalde? -Creo que o problema é que a valoración que fan os cidadáns da corporación non é distinta da que realizan de Vigo. Ésta é unha cidade demasiado crítica consigo mesma e iso nos colle a nós tamén por medio. Non o digo para xustificar as baixas notas, aínda que me parecen inmerecidas por todo o esforzo que se está a facer. Pero creo que lograremos que haxa unha percepción máis positiva ó final do mandato. -¿Que lle pareceu a comida de Beiras con Fraga? ¿Comería vostede co presidente da Xunta? -Eu tamén comería con Fraga, aínda que se me ocurren mil, millóns de compañías mellores, pero as relacións institucionais son as relacións institucionais. Está dentro da normalidade democrática, aínda que, ideolóxicamente, poda existir un abismo.