Miguel Figueira, adestrador do Deportivo Xuvenil: «Non teño ningunha dúbida de que estamos entre os mellores»

Iván Antelo A CORUÑA

TORRE DE MARATHÓN

Miguel Figueira, adestrador do Dépor Xuvenil
Miguel Figueira, adestrador do Dépor Xuvenil CESAR QUIAN

«O cen por cen dos xogadores están feitos en Abegondo e levan anos no club; iso fala de que se está a traballar ben», eloxia

10 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

José Miguel Figueira Domínguez (A Picota, Mazaricos; 1974) foi cociñeiro antes que xastre. Formouse no Fabril antes de ser xogador profesional no Levante e no Castellón e agora forma ós talentos xuvenís do Deportivo, que este xoves (18.30 horas, TVG 2) xogarán as semifinais da Copa do Rei diante do Barcelona.

—Chegan ó desenlace da Copa do Rei após 14 vitorias e un empate.

—Se che son sincero, nin me gusta nin miro ese tipo de cousas. Ao final chegas á conclusión de que non debería ser normal gañar tantos encontros seguidos nunha categoría como a División de Honra. Estou contento, iso si, porque o nivel do equipo creceu dende o verán, e ademais están a xogar todos. Para min, como adestrador, o máis relevante é que todos se sintan importantes. E facelo chegando á semifinal da Copa do Rei, outra vez, é moi grande para todos.

—Ten mérito conseguir que o nivel se mantivera en Liga tendo que xogar entre semana a Copa.

—Hai algo que sempre destaco cando teño a oportunidade. E é falar de todo o proceso anterior que estes rapaces viven tanto en infantís como en cadetes, onde pasan por moitos torneos importantes. Nesas competicións, teñen que xogar dous ou tres partidos cada día e eles acostúmanse ó modelo de que uns xogan nun encontro e outros noutro. E claro, nunha liga, é mais complicado que teñan esa paciencia. Pero aquí coincidiunos que no tramo de máis intensidade e cantidade de partidos, o equipo enganchou un bo momento e todos os xogadores puideron participar. É verdade que hai posicións onde imos máis xustos de efectivos, e tamén pola importancia dos futbolistas, algún repetiron; pero noutras, como os extremos, imos variando continuamente e están todos enchufados. Cando remate a Copa, e haxa partidos máis espazados, desexo que manteñan esa concentración.

Miguel Figueira, adestrador do Dépor Xuvenil
Miguel Figueira, adestrador do Dépor Xuvenil CESAR QUIAN

—O Celta, tamén presente na Copa, seguiuvos o ritmo en Liga. Os dous tedes moito mérito.

—Si. De diferente maneira, pero si. Eles combinan moitos xogadores no equipo de Primera RFEF [Celta Fortuna] e van xestionando cos que soben e cos que baixan cos partidos entre semana; pero a nos encáixanos perfectamente o noso modelo e estamos contentos. Nos cumprimos ao pé da letra os principios básicos da nosa metodoloxía. Para nos, dar continuidade a un proxecto de canteira e, por riba, ter resultados é mérito dos xogadores por confiar en que o que se está a facer logo reflíctese no terreo de xogo.

—Tes unha base de xogadores importante que xa ten a experiencia do ano pasado de xogar as semifinais da Copa de Campións. Iso deberíase notar.

—É posible que este ano sexa onde haxa máis diferenciación entre anos de nacemento. Porque temos xuvenís de terceiro ano, de segundo e incluso de primeiro como Mauro Valeiro e Samba, que están a un gran nivel. É verdade que ter participado xa en torneos de máximo nivel dálles un extra. O cen por cen dos xogadores están feitos en Abegondo e levan anos no Dépor. O único que se incorporou esta tempada foi Iker Gil e xa estivera connosco antes de irse dous anos a Santiago. Iso da visibilidade a todo o organigrama do club en constata que se está a traballar ben con estes rapaces.

—A moitos deles xa os tiveches no Infantil e no Xuvenil B. Iso xoga a favor ou en contra?

—É difícil de xestionar. Porque o que en infantís podía ser dunha maneira agora é doutra. E ao mellor algún que se podía sentir importante contigo, pódese sentir mal porque agora participa menos. O que lles transmito é que eu sego sendo o mesmo. Son eles os que van madurando e que, quizais, outros xogadores o fixeron dunha maneira máis tardía e agora están desenvolvendo ese potencial. Por exemplo, Lucas Regueiro. É un madurador tardío que tiña un corpo por desenvolver e que agora, a pesar de seguir sendo pequeno, é diferencial e determinante, un xogador que da superioridade con balón e que ten capacidade para desbordar. Ao mellor en infantís non era tan protagonista e agora si. Eles teñen que estar abertos a iso. Por iso, creo que é máis difícil para eles asumir se xogan ou se non, o se lles corrixes. Isto é o fútbol. Noé Carrillo, no seu primeiro ano de xuvenil, comigo, na primeira volta custoulle e na segunda xa foi un avión.

—Contaba Ismael Arilla en La Voz que o ano pasado vos destes conta contra o Betis que o Xuvenil precisaba subir o nivel físico.

—Todo suma. É certo que estamos a facer un traballo a nivel de forza cos xogadores de desenvolvemento condicional. Así que eu, dende o parte técnica, o vexo como un departamento importante máis dentro do club, como pode ser o de psicoloxía, que tamén o usamos moito. O ano pasado si que foi o Betis moi superior a nos en determinadas fases do partido [de semifinais da Copa de Campións], pero, a pesar do 6-2, eu teño que defender o intento que fixeron os meus xogadores de desenvolver o que fixemos durante toda a tempada. Nos estivemos acertados? Non. E o Betis tiña xogadores dun nivel top. Probablemente o mellor equipo xuvenil de España nos últimos anos, con futbolistas que estiveran actuando no primeiro equipo na Europa League. Este ano estamos a traballar máis a nivel condicional, é certo. Quítame ás veces minutos de traballo de campo? Bueno... Entendemos que é positivo para os rapaces e imos da man con todos os estamentos do club.

—Estades este ano máis preto dos mellores?

—[Sorrí]. A ver... Non creo que esteamos más preto dos mellores, creo que somos dos mellores. Sinceramente. Repetir dúas finais a catro non é doado. Nos últimos anos estamos sempre aí metidos. Iso quere dicir que algo estamos a facer ben. Se logo outros equipos teñen a posibilidade de baixar xogadores para a final a catro, que veñen doutras categorías, dálles unha vantaxe competitiva. Pero non teño ningunha dúbida de que estamos entre os mellores. Non hai tanta diferenza.

—Das últimas dez competicións, dende o 2021, o Dépor estivo en sete entre os oito mellores.

—Cando se pregunta: cal é o traballo de canteira do Dépor? Pois é ese. Dar continuidade a todas as camadas, sexan mellores ou peores, reforzalas e darlles para arriba a determinados xogadores como Mauro Valeiro, que sendo de primeiro ano está xa a un nivel top en División de Honra. Todo iso é traballo de canteira e non é mérito nin de Miguel Figueira nin do seu corpo técnico. É mérito de club e todos os seus estamentos. Os rapaces creen nese traballo e están vendo que o salto ó Fabril e ó primeiro equipo está máis preto. Para nós e vitamina diaria que se lle dea valor a ese traballo, por enriba de calquera contrato.

Miguel Figueira, adestrador do Dépor Xuvenil
Miguel Figueira, adestrador do Dépor Xuvenil CESAR QUIAN

«Ás veces, a única diferenza entre un xogador diferencial e outro son os minutos que lles damos»

O mérito do Dépor Xuvenil está en competir por riba das individualidades.

—Dende setembro tedes a baixa de Jose Rey, un xogador que debería ser diferencial.

—Foi algo duro, porque foi unha lesión grave de xeonllo. Toca apoialo dende a súa cabeza, para que estea ben, e sobre todo os fisios traballar con el, pasando revisións médicas. Estas son as maiores desgrazas do fútbol.

—Houbo que mirar para as seguintes xeracións para relevalo.

—Ás veces, a única diferenza entre un xogador diferencial e outro que non o está a ser son os minutos de campo que lle damos. Sen el, estamos a xogar con extremos máis puros como Balbás e Leandro. Teñen outras características e nos dan moito. Calquera dos dous poden dar o salto en calquera momento ó Fabril. Sen esquecernos de Jose Rey, hai que seguir traballando co resto.

—Outro dos que debería ser referente, como Nico Ruiz, tamén o está a pasar mal polo pube.

—Ten unha pequena lesión que o molesta e non lle está a permitir dar o cen por cen. Estamos coidándoo ó máximo. Participou o día do Rayo Vallecano e nos deu moitísimo, tamén a segunda parte en Tenerife... O traballo dos especialistas en rehabilitación física e dos servizos médicos é moi importante, marcando prazos para poder dispoñer del en determinados encontros, con certo número de minutos e sen risco a que haxa lesión. Nico é outro deses xogadores chamados a e ter un nome dentro do club, pero como moitos outros. Agora están xogando Abel ou Álvaro e imos modificando a estrutura en función do que necesitamos en cada encontro. É riqueza táctica para eles.

—Falas de Álvaro Fraga. Un xogador que xa o puxeches de lateral, cando chegou para o Xuvenil B; de pivote, interior, extremo...

—Cando o fomos a ver a Ferrol, para fichalo, entendíamos que o seu nivel técnico era superior á media. Tivo o seu proceso de adaptación no Xuvenil B e entrou nunha posición de lateral esquerdo na que nos daba moito no inicio da xogada pola súa capacidade con balón. Recordo que na Oviedo Cup dera un nivel altísimo, como Lucas Castro, asentouse e xa o fomos meténdoo por dentro. tamén como extremo, pero coido que a súa posición é máis de interior. Nesa demarcación é capaz de marcar diferenzas. Recorre moitísimos metros e ten unha zurda que poucos xogadores teñen. Ten capacidade de mellora e el o sabe.