Manuel Heredia: «Nun mercado global, o feito de diferenciarse é o máis importante»

Xoán Ramón Alvite Alvite
X. R. ALVITE REDACCIÓN / LA VOZ

TERRA

Sandra Alonso

O presidente de Galicia Calidade lembra que o selo cumpre 25 anos como distintivo de prestixio para a comunidade

30 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Presidente de Galicia Calidade dende hai un ano —o cargo vai aparellado ao de director xeral de Comercio e Consumo na Consellería de Economía, Empresa e Innovación—, Manuel Heredia destaca o recoñecemento alcanzado pola marca no seus 25 anos de vida e aposta pola internacionalización como un xeito de seguir medrando.

—Con 25 anos ás costas, que destacaría do conseguido por Galicia Calidade?

—Foi un período claramente positivo no que Galicia Calidade se consolidou como a marca de garantía de Galicia, acadando un amplo recoñecemento a nivel nacional. Con todo, aínda podemos seguir medrando tanto no ámbito da certificación de produtos e servizos como na promoción do noso selo.

—Por que recomendaría a unha empresa integrarse na marca?

— Nun mercado cada vez máis globalizado e con competidores que cada vez fan mellor as cousas, o feito de diferenciarse, de buscar o motivo de compra do consumidor, é cada vez máis importante. E o feito de estar amparado por Galicia Calidade pode facer que o teu produto sexa o elixido nun lineal ou nunha tenda online, por diante doutros produtos de similares características. Ademais, nos mercados nacionais e internacionais a marca Galicia Calidade sitúa a túa procedencia e lígate a unha forma de facer as cousas, a galega, con moi boa reputación noutros territorios.

— Que requisitos hai que cumprir? Resulta caro?

— Non temos uns criterios xerais senón que a certificación faise de xeito individual atendendo á particularidade de cada produto ou servizo e sempre en comunicación con cada sector. Unha vez establecidas as condicións todos os produtos de similares características deben cumprir os mesmos requisitos. A nivel económico as nosas tarifas creo que son perfectamente asumibles polas empresas, con tramos distintos segundo a facturación da empresa, e con tarifas reducidas para produtos con denominacións de orixe ou indicacións

xeográficas protexidas e tamén para os servizos do ámbito turístico.

— A internacionalización segue a ser unha das materias pendentes de moitas empresas galegas, sobre todo das de menor tamaño. Que lles pode aportar Galicia Calidade neste sentido?

— Temos conseguido, como dicía, un bo posicionamento a nivel galego e tamén bastante aceptable a nivel nacional, polo que agora o reto é posicionar moito máis a Galicia Calidade fóra de España. Nese sentido, imos traballar para axudar ás empresas a vender en mercados internacionais, sobre todo para aquelas empresas que precisan dun apoio, ben sexa por tamaño ou tamén por inexperiencia. Sabemos que Galicia é un territorio querido en moitos países de Europa ou América e queremos aproveitalo para posicionar alí a nosa marca.

— A pandemia supuxo un duro golpe para moitas empresas do sector agroalimentario e turístico. Notárono menos as que certifican a súa marca?

—A pandemia foi e continúa sendo un duro golpe para o mundo empresarial galego, e tamén para as empresas certificadas por Galicia Calidade. Pero o certo é que non tivemos baixas significativas neste período, ao contrario, tivemos un incremento moderado de empresas que solicitaron estar amparadas por Galicia Calidade.

— Que supón para a marca que grandes empresas como Hijos de Rivera, Jealsa ou Coren certifiquen os seus produtos?

— Galicia Calidade cumpre agora 25 anos certificando produtos e servizos, e foron precisamente estas tres grandes empresas as primeiras en contar co noso distintivo. Para nós é unha honra que entidades deste tamaño, que xeran emprego na comunidade, que levan o nome de Galicia por todo o mundo e que practican políticas no ámbito da sostibilidade e da responsabilidade social sexan parte de Galicia Calidade. Empresas que axudan tamén a que a nosa etiqueta de calidade estea posicionada onde está e que son as mellores embaixadoras que poderíamos ter. Hai moitas empresas importantes que se viñeron incorporando despois e que para nós é mostra de que somos útiles, tanto para as máis pequenas como tamén para as grandes empresas galegas.

—Cales son os obxectivos da marca a curto e medio prazo?

—Escoitar os actores que traballan no noso ámbito de actuación: empresas asociadas, distribución, asociacións sectoriais para analizar un pouco o que viñemos facendo ata agora e ver por onde debemos seguir. E tamén por dar un paso cara a fóra, saír aos mercados internacionais para dar a coñecer a nosa marca e o noso traballo, xunto con todos os produtos e servizos certificados. Queda moito por facer, pero contamos coa mellor marca e o mellor apoio para facelo. E por suposto, traballar desde a Xunta para facer de Galicia Calidade un selo que aposte pola sustentabilidade e a economía circular e acompañar as nosas empresas neste camiño.