Adrián Campaña: «O da falta de cotas é moi duro; ver peixe e telo que deixar pasar...»

A. Buíncas REDACCIÓN / LA VOZ

TERRA

BASILIO BELLO

Este armador de Camariñas é patrón dun cerqueiro co que fai a costeira do bocarte no País Vasco

30 mar 2021 . Actualizado a las 09:48 h.

Adrián Campaña é unha anomalía nun sector como o pesqueiro, no que custa insuflar un pouco de zume novo. De sempre tivo claro que quería ir ao mar. Diáfano. Pode que fose porque os seus avós tiveron barcos de cerco e o levase no sangue, pero o certo é que o salitre lle tiraba dende neno. Así que elixiu o mar para facer unha carreira que non quixo facer nas aulas. Unha carreira fulgurante: aos 30 anos xa foi mariñeiro, sacou o título de patrón pesqueiro polivalente e mandou nun cerqueiro, e hai dous anos mercou un barco. O Sempre Adrián. Un cerqueiro, claro. El só. Sen socios. Agora o seu obxectivo é ir a por un máis grande, conta dende o País Vasco, onde está participando na costeira do bocarte.

-Por que o cerco e non outra arte, con todas as que hai?

-Case por tradición familiar. O meu avó tiña un barco de cerco, e no cerco traballaron o meu pai, os meus tíos, primos... Esta é a arte que máis me gustou. Non é das máis duras e é bonito. Tes que pensar e non tirar a eito. Sempre tes que mirar polas correntes, ir buscar o peixe... Non é como sacar patacas dunha horta.

-A que anda agora?

-Agora estamos collendo bocareu no País Vasco. De quilos non foi mal, pero non foi así o prezo. A 17 céntimos. Estou vendo aquí descargar a un vasco con chupona sen caixa nin nada... Cáeche a moral. Eu porque o barco ía compralo igual, que si tivera máis anos non querería saber nada de nada. Pero teño 30 anos e obxectivos por diante. O das cotas é moi duro; ver peixe e telo que deixar pasar... Xa acabamos a cota de xarda, hai que escapar da sardiña... É moi triste.