«Land Rober + show» gaña o premio europeo Circom 2026 ao mellor programa de entretemento

La Voz REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Roberto Vilar, no «Land Rober + show»
Roberto Vilar, no «Land Rober + show»

O espazo presentado por Roberto Vilar, referente indiscutible das noites da Televisión de Galicia, recibirá o galardón en maio nunha gala en Tampere, Finlandia

24 abr 2026 . Actualizado a las 14:55 h.

Land Rober + Show, o espazo do prime time da Televisión de Galicia, alzouse co Premio Circom 2026 na categoría de entretemento, segundo foi anunciado este venres polo Circom, a maior organización europea de televisións rexionais públicas. Land Rober, referente absoluto do entretemento na grella da TVG nas noites de luns a xoves, foi definido polo xurado como un programa de «puro entretemento», polo seu «forte sentido de identidade e altos valores de produción», salientando ademais «un notable nivel de improvisación que engade espontaneidade a un programa vivo, dinámico e auténtico».

O espazo presentado por Roberto Vilar suma este recoñecemento aos obtidos en distintas edicións dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego e nos Premios Iris de televisión (2017, mellor programa autonómico).

Ademais, a serie Lume, coproducida pola TVG e a RTP e gañadora do I Festival Internacional de Series Ría de Vigo en 2025, recibiu a mención especial do xurado na categoría de drama. O xurado destaca Lume polo seu tratamento dun importante problema rexional: os incendios forestais que afectan a Galicia e ás áreas veciñas ano tras ano. Tamén reflicte a realidade cultural e lingüística da rexión fronteiriza mediante o uso natural do galego, o castelán e o portugués, achegando á historia un forte sentido de lugar e autenticidade. Despois de ser emitida na TVG e na RTP o pasado verán, Lume segue dispoñible na plataforma AGalega.gal.

Circom engloba 30 países e preto de 250 televisións rexionais, o que a converte na maior asociación de canles rexionais públicas de toda Europa. Esta edición bateu o récord de candidaturas, con 272. Os premios serán entregados o próximo 21 de maio nunha gala na cidade de Tampere, Finlandia.