Os informativos «Galicia noticias» e «Telexornal mediodía» acadan picos de audiencia de ata o 41,2 %
16 abr 2026 . Actualizado a las 10:54 h.A Televisión de Galicia (TVG) reafírmase como a opción preferida dos galegos. Segundo os datos da primeira onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) do 2026, publicados este mércores, a canle autonómica non só mantén o seu liderado, senón que experimenta un notable crecemento ata alcanzar o 20,1 % de cota de pantalla de luns a domingo. Esta cifra sitúa á TVG nunha posición de dominio, superando en máis de oito puntos aos seus principais competidores, Antena 3 (11,7 %) e La 1 (11,3 %).
Segundo sinalan os datos do EXM, TVG é a líder da pantalla en Galicia en todas as franxas de programación, desde a mañá ata a noite. No horario comprendido de 8 da mañá ás 13.30 horas, tradúcese no seguimento do 28,4 % dos espectadores que están vendo a televisión nese momento, máis do dobre dos que ven La 1 (un 11,1 %).
Na sobremesa (de 13.30 a 17 horas) acrecéntase a súa superioridade ata acadar un 30,2 % fronte ao 17,3 % de Antena 3, moi lonxe en segundo lugar. Nesta franxa emítense dous dos seus espazos máis vistos, os informativos Galicia noticias e Telexornal mediodía, cos que acada picos de audiencia de ata o 41,2 %.
De 17 a 20 horas, a programación da autonómica suma un 13,9 % de audiencia fronte ao 10,9 % de Telecinco, que é a segunda canle preferida dos galegos a esa hora.
Xa de noite, na franxa de máxima audiencia, a TVG segue líder cun 16,2 % fronte ao 12,1 % de La 1, que ocupa o segundo lugar.
Estas datos indican un crecemento do 15,5 % con respecto á última onda do EXM, en decembro de 2025. TVG é, xunto con Telecinco, a única canle que medra en Galicia, mentres que a que máis perde é La 1, que cae un 16,9 % e se sitúa no 11,3 %.
A Televisión de Galicia non só mantén a súa superioridade, senón que «medra, apoiándose nos novos formatos da súa grella e na fortaleza das súas franxas informativas».
A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) celebra o seu «liderado absoluto no ámbito audiovisual galego, que se reflicte en todos os días da semana e en todas as franxas horarias» e salienta, ademais, a evolución récord da súa presenza dixital (2,6 millóns de seguidores e un incremento dun 31 %). A CSAG destaca que estas medicións «non se reflicten do mesmo xeito no modelo de medición técnica que fai Kantar Media (agora Fifty5Blue), que foi penalizada entre 2024 e 2025 en 20 dos 24 meses, debido a incumprimentos nos parámetros básicos de medición» e evidencia as desviacións que se producen neste sistema de calibrar as audiencias.