«Atrápame se podes» celebra o Nadal cun especial familiar cheo de famosos, nenos e solidariedade

Lucía Nieto REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Rodrigo Vázquez, novo presentador de «Atrápame se podes»
Rodrigo Vázquez, novo presentador de «Atrápame se podes» Ana Reino

Dez caras coñecidas do audiovisual competirán por parellas en dous programas, que recadarán fondos para organizacións sen ánimo de lucro

08 ene 2026 . Actualizado a las 13:30 h.

A estrea de Rodrigo Vázquez como presentador de Atrápame se podes terá lugar cun especial de Nadal concibido para gozar en familia. Este primeiro bloque ten unha duración de tres semanas: nas dúas primeiras participarán vinte caras coñecidas do audiovisual galego en parellas, mentres que na terceira semana serán os nenos e nenas os verdadeiros protagonistas.

Os concursantes da primeira semana de especial son: Aitana del Mar e Laura Boado, que conforman a parella A Canteira; Miguel Mandayo e Octavio Villazala, nomeados como Os Animais Virais; Fran Nogueira e Fran Cañotas, que forman os Frankies; o dúo dos Actores, composto por Xoán Fórneas e Elena Seijo; e Os Informantes, os xornalistas Bernardo Montaña e Rocío Durán.

O formato manterá os seus sinais de identidade, xa recoñecibles para os seus seguidores. Os participantes deberán superar cinco roldas eliminatorias nas que poñerán a proba a súa axilidade mental, os seus coñecementos e a capacidade de decisión baixo presión. Ademais, manterá un marcado compoñente social, xa que o diñeiro recadado nas edicións con famosos destinarase cada día a unha ONG distinta, reforzando o seu compromiso coa solidariedade. Federación Galega de Bancos de Alimentos (FEGABAL), Federación Galega de Dano Cerebral, Down Galicia, Stop Accidentes y Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia son as asociacións beneficiarias da primeira semana de especial de Nadal.

Unha vez rematadas as festas do Nadal, o concurso continuará en emisión coa súa edición normal. Voz Audiovisual, produtora responsable desta nova etapa, xa abriu un proceso de selección para escoller futuros concursantes, convidando a participar a todas aquelas persoas que queiran probar sorte. Con este regreso, Atrápame se podes consolídase como unha das apostas da TVG para o entretemento diario.