Vicky tira do fío e achégase á verdadeira identidade de Guille en «O home perfecto»
TELEVISIÓN
A Televisión de Galicia emite a partir das 22.45 horas unha dobre entrega da serie de Voz Audiovisual
11 nov 2025 . Actualizado a las 13:08 h.A TVG ofrece esta noite unha dobre entrega de O home perfecto, a serie que segue as vidas de Rebeca, de 35 anos, e Luísa, de 70, dúas mulleres de xeracións diferentes que buscan unha segunda oportunidade e, sen sabelo, caen baixo o engano do mesmo home.
Ás 22.45 horas, despois do novo programa de Roberto Vilar, Land Rober + Show, estrearase a sétima entrega, titulada Un futuro xuntos. Nela, Vicky non consegue deixar marchar á súa nai. O pranto, a culpa e a rabia están mesturados. Pensa que Leo (ou como se chame) non pode saír impune. Co apoio de Catuxa empeza a tirar do fío e vaise achegando máis ao seu verdadeiro nome.
Mentres tanto, Gus amósase esquivo con Rebeca. Mesmo vendeu a empresa sen contarllo. Di que está desbordado, que non quere preocupala, pero todo forma parte dun plan que leva meses argallando para abandonar a Rebeca e coller os seus cartos. Berto tamén sospeita de Gus. Vai tras el, intimídao, contrólao, pero Gus contraataca onde máis doe: facendo que Nina descubra que Berto leva meses sen traballo e mentíndolle. As cartas están sobre a mesa e Gus confía en telo todo baixo control.
Ao remate do capítulo de estrea, emitirase de novo o primeiro episodio co que arranca esta historia de segundas oportunidades e enganos sentimentais.