A CRTVG contará con 135,7 millóns no orzamento do 2025, un 3 %

La Voz

TELEVISIÓN

XOÁN REY | EFE

02 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O presuposto da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) increméntase o próximo ano ata acadar os 135,7 millóns de euros, que son 4,5 millóns máis que no anterior exercicio. Así o sinalou o director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, na súa comparecencia na Comisión de Presupostos do Parlamento galego para presentar as contas do ente público para o próximo ano das que, lembrou, case a metade —o 43 %— dedícase ao capítulo de persoal.

O incremento no presuposto, segundo expuxo, débese ao efecto do incremento do IPC sobre os custos de produción de programas, informativos e deportes e «tamén a causa da dotación que se reserva para a adquisición de contidos dixitais destinados a nutrir a oferta da Plataforma de Comunicación Audiovisual de Galicia». De feito, unha das grandes partidas orzamentarias é a dedicada á contratación co sector audiovisual galego, do 30,3 % —41 millóns—.

Ao seu xuízo, as contas tamén dan conta de «a importancia do servizo público de comunicación audiovisual de Galicia como impulsor da innovación, da participación social e da promoción da sociedade dixital».

Con todo, os grupos da oposición cargaron contra a súa xestión e aseguraron que baixo o seu mandato a CRTVG acadou as máis altas cotas de «manipulación».