Unanimidade do Parlamento para que a TVG impulse a canle Xabarín de contido infantil en galego

TELEVISIÓN

PACO RODRÍGUEZ

O acordo impulsado pola Mesa, co aval de 33.000 sinaturas, tamén inclúe a petición do PP para que a TVE ofreza programación en lingua galega

12 may 2021 . Actualizado a las 22:23 h.

O modelo é o de canles públicas como Clan TV, e mesmo o de privadas como Boing, Neox ou Disney Channel, pero que ofreza contidos de calidade e en galego a través de diferentes formatos en fibra óptica, satélite, ADSL ou tecnoloxía móbil. O pleno do Parlamento galego votou por unanimidade unha proposta impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística co aval de 33.000 sinaturas na que se empraza á Xunta e á Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) a aumentar a oferta en lingua galega destinada á infancia e á mocidade a través da creación específica da canle Xabarín.

A iniciativa da Mesa, debatida o martes e votada este mércores, foi apadriñada polo BNG e PSdeG para ser elevada ao pleno, onde recibiu as achegas do PP en forma de emenda para que o acordo non se limitara a crear unha canle específica de contidos en galego para a mocidade na CRTVG, senón que a deputada Raquel Arias foi máis aló e pediu tamén trasladar un emprazamento similar a TVE «para que teña a opción de dobrado ao galego na súa canle infantil» e mesmo se invita ao Goberno galego a negociar con outras Administracións ou empresas a oferta de contidos infantís e xuvenís en galego.

A iniciativa da Mesa foi elevada á Cámara logo de que o seu presidente, Marcos Maceira, dera a coñecer as conclusións dun informe elaborado pola organización no que se advertía que ningunha das canles infantís e xuvenís ofrecía contidos en galego, a diferenza do que ocorre noutras comunidades bilingües como o País Vasco ou Cataluña, que poden acceder no seu idioma propio a Clan TV, as canles autonómicas ETB3 e Super3 e mesmo algúns contidos ofrecidos a través de Vodafone TV e de Movistar +.

Dende o BNG, Mercedes Queixas subliñou que «a galega é a única lingua do Estado que non conta con canle temática infantil e xuvenil» dentro da oferta básica das principais operadoras de fibra óptica, satélite, ADSL ou móbil, algo que corroborou Noa Díaz (PSdeG), que chamou a deixar de ser a única comunidade con lingua propia que non ten canle infantil.

Dende o PP, Raquel Arias recolleu o guante agradecendo o esforzo que fixo a Mesa para chegar a un consenso con todos os grupos e máis que de canles de TDT, onde pensa que todas están «igual de fracasadas» pois as audiencias das canles temáticas infantís van dende o 0,2 % que rexistra a vasca ETB3 ata o 1,7 % da catalá Super3, pasando polo 1,3 % de Clan TV, conviría desenvolver a canle Xabarín en dixital e crear tamén unha plataforma OTT específica para a xente moza, que en realidade é unha aplicación que ofrece contidos de vídeo ou audio a través de Internet, como Netflix, HBO ou Spotify.

O propio director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, xa amosou disposición a impulsar esta especie de canle Xabarín por streaming, tal e como sinalou o PP, que tamén engadiu no acordo ampliar os contidos en galego a través das canles de TVE que, dacordo co que asegurou Mercedes Queixas, das 120 horas de programación diaria só ofrece 39 minutos en galego.