Cociñado non apto para cardíacos en 'Come a comarca': «Iso así non vale!»

Iago García
Iago García REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Fran Cañotas marca o final do cociñado despois dunha contrareloxo de 100 minutos
Fran Cañotas marca o final do cociñado despois dunha contrareloxo de 100 minutos

A Terra Chá gañou a súa praza na final do norte da competición gastronómica de Televisión de Galicia. Fíxoo nun enfrontamento no que os cociñeiros profesionais da Terra de Lemos deixaron o pavillón comarcal en bo lugar, chegando o xurado a dalos vencedores dun dos tres platos que, coma sempre, había que elaborar a contrareloxo

18 feb 2021 . Actualizado a las 10:40 h.

A Terra Chá e a Terra de Lemos volveron a Come a comarca para medirse nos fogóns e decidir así cal delas era a gañadora da provincia de Lugo. A vitoria conlevaba ademais a clasificación para a final do norte, na que agardaba como rival a Terra de Melide. No parte médico dos equipos, a principal preocupación era a do capitán da chaira, José Luis Álvarez «Bouso». Nada máis comezar o programa, Fran Cañotas -presentador e papador do programa- atopouno eivado, co ombreiro e o brazo dereito inutilizábeis despois dun accidente en moto. Pero o da Pastoriza non lle deu moita importancia: «hai equipo». Demostrou xunto a Diego López no seu restaurante en Lugo Bulló Xantar e coa axuda tamén de Daniel Díaz, que non ía notarse: «a cabeza está intacta e eles teñen a boa man que a min me falta».

O petisco que prepararon entre todos chamábase «Falso risotto de trigo con entrañas de tenreira». A parte cárnica do prato, que viría a ser parte do diafragma do animal, «cotízase moito nos asados da Arxentina e é moi xugosa», detallaba antes do cociñado o experto carniceiro do equipo chairego, José Vázquez «Frebas». Sería este petisco mellor que o que ían preparar os da Terra de Lemos? Nas finais provinciais, a mellor lambiscada aporta unha vantaxe competitiva aos equipos durante a batalla.

Os de Lemos tamén ían preparar algo sorprendente. Manuel Fernández, coñecido en Monforte polo nome do seu restaurante, Manuel Bistró, exerceu antes de anfitrión comarcal, como bo capitán de equipo. Levou a Cañotas a coñecer A Casa da Fonte, un concepto de gandeiría en liberdade onde as vacas están ao seu aire, compartindo espazo con mastíns e burros que alertan das ameazas de depredadores coma o lobo. «Temos unha muxidora móbil que achegamos onde están elas para que sexan o máis felices posible», apuntaba Xosé García, que herdou o negocio familiar e lle deu unha volta despois de formarse como enxeñeiro agrónomo. Despois de ver como se obtiñan os productos lácteos, Bistró mercou unha manteiga coa que elaborou o petisco comarcal. Con Brais Gómez, cociñeiro do Trespés, prepararon un ovo benedictino cun crocante de xamón. Presentado nunha taciña, metíase de súpeto na boca, estourando os sabores nela. Cumpría á perfección co termo petisco e estaba cheo de sabor... como o da Terra Chá. A batalla que decidiría o gañador lucense empezaba coas espadas en alto.

O menú do avó de Gerson Iglesias

O xefe de salgados do programa botou man de tradición e receita familiar para abrir boca. Sopas de allo do avó de Gerson Iglesias como primeiro plato e abadexo confeitado con salsa de berberechos de segundo. O xefe de doces, Manuel Garea, sumouse a este ritual do clásico e apostou por un arroz con leite, ao que engadía bica branca e amorodos. «Fágoche eu o arroz, que cunha man podo», di Bouso na cociña da Terra Chá cando comeza o cociñado, lembrando así a súa eiva. Con cadanseu pasteleiro, Manu Moure en Terra de Lemos e Ovidio Pardiño, na Terra Chá, a elaboración da sobremesa parecía, neste caso, fácil. Pero non o foi tanto. Algo tan de facer na casa «non é o habitual» di Ovidio, que non está na súa zona de confort. Garea, que gosta do crocante, engadiu ademais pasada media hora o reto de facer 15 linguas de gato, unha para cada membro do xurado. O cronómetro, que empezou en 100 minutos, corría demasiado rápido nas cociñas. Tanto que a Cañotas algo non lle hule ben... «cheira a queimado!». «Agarróuseme o arroz», di Bouso, mentres o seu compañeiro Diego Pascuais, inmerso no cociñado do abadexo, axúdalle a cocelo de novo porque «iso así non vale».

Está claro que a lesión do capitán está perxudicando os chairegos, pero colleron folgos porque o petisco que máis gusotou foi o seu, e como penalización para o equipo contrario, Manuel Rodríguez, tivo que deixar de adicarse ás sopas de allo e limpar o abadexo enteiro que empregarían os dous equipos. Os mellores cortes, ademais, escolleríaos Terra Chá. Dobre perda. De tempo e de materia prima. «Eu vou botar 100 minutos sen o brazo dereito, eles en 10 xa tiñan a penalización superada, non lles foi para tanto»; explicaba un Bouso centrado en rematar todos os pratos. Nos minutos finais, un aire de pimentón para o abadexo e un falso ovo fritido -coa xema curada e coa clara feita no forno- para a sopa, puxo a proba os nervios dos concursantes. Foron as vinganzas dos capitáns dos equipos eliminados na rolda anterior (Toño Lorenzo, de Chantada, caeu fronte a Terra De Lemos e Bruno Pena, da Mariña, fixo o mesmo fronte a Terra Chá). Tendo en conta que a bica estaba crúa no doce chairego e ben rematada en Lemos, pero que as sopas de allo con mellor pinta para Gerson e Garea eran as da Terra Chá... todo quedaba en mans dos 15 membros do xurado.

O abadexo, determinante

Ao xurado gustoulle máis, sen embargo, a proposta da sopa elaborada por Lemos, algo máis espesa (6-9). «Estou contento sobre todo polo avó de Gerson», dicía orgulloso Manuel Rodríguez, que liderou esa parte do cociñado. Remontou no segundo con contundencia a Terra Chá (12-3). E polo tanto, a presión caía de cheo no postre. Manu Moure, do equipo de Lemos, non estaba, pese a que non cometou a priori erros importantes, moi convencido... «xa o estou vendo vir». Anticipo do que despois ocorreu. De novo, como pasou na eliminatoria anterior fronte a Chantada, a parte doce dos limegos non convenceu na cata. Un contundente pleno a favor do equipo de «Bouso» (15-0) deixou o marcador final nun 33-12 e a Terra Cha clasificada para a finalísima do norte fronte a Terra de Melide. A vindeira semana, nova dose de emoción en Come a comarca.

Celebración do capitán, José Luis Álvarez «Bouso» e do resto do equipo da Terra Chá, do pase á finalísima do norte
Celebración do capitán, José Luis Álvarez «Bouso» e do resto do equipo da Terra Chá, do pase á finalísima do norte