Dona Teresa executa a súa vinganza contra os Fiúza en «Serramoura»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

-

Esta noite, a partir das 22 horas, TVG emite un novo capítulo do «thriller»

05 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de que o control do serradoiro pasase a mans de Evaristo poñendo fin á guerra da madeira, o equilibrio de poder que mantiñan os Soutelo e os Fiúza desde tempos inmemoriais inclinouse cara os segundos. Pero a rivalidade entre as dúas familias máis poderosas de Serramoura tomará unha nova dimensión toda vez que Dona Teresa execute a súa vinganza contra Evaristo Fiúza no novo episodio do thriller de Voz Audiovisual que esta noite , a partir das 22 horas, emite Televisión de Galicia.

E é que Dona Teresa investiu moitos recursos en elaborar un plan co que afundir ao seu maior inimigo e que consiste en evitar que o embarazo de Luz chegue a bo termo, e tamén en dar a coñecer entre a vila que Román tivo relación coa morte de Xoel no cárcere.

Ao mesmo tempo, a incursión de Pancho dentro dos dominios de Máximo Andrade, o líder da perigosa organización criminal que utiliza a vila de Serramoura como centro de operacións para os seus negocios ilícitos, non saíu como era de esperar.

Por sorte para Pancho, Santos non dubidará en interceder polo seu vello amigo e axudalo a escapar dunha morte segura. O inconveniente para eles é que Máximo quere as súas cabezas e non parará ata conseguilas.

Mentres tanto, no posto de mando de Serramoura, os sarxentos Marga Neira e Roi Quiroga seguen adiante na investigación dos vertidos de residuos tóxicos que apareceron nos montes da vila. Tanto Marga como Roi sospeitan que o principal responsable é Máximo Andrade, pero antes teñen que probar a súa responsabilidade.

Como en outras ocasións, a esperanza do cuartel da vila para atopar algún indicio que incrimine a Máximo estará posta en Quique e Patri, que utilizarán todos os recursos que teñen á súa disposición para axudar aos sarxentos.

Pero non é a única fronte aberta para a Garda Civil de Serramoura. Unha información anónima aporta novos datos sobre a morte de Xoel que axudarán á sarxento Neira a seguir adiante coa investigación. Será suficiente para atopar ao responsable?

Nesta nova entrega de Serramoura tamén haberá espazo para o humor. Despois dun tempo fóra do vila, o xeneral Silgar volve ao cuartel para coñecer de primeira man os operativos que seguen abertos e tamén para avanzar nos preparativos da voda entre Patri e Quique.

Redes sociais

Para seguir de preto a evolución de Serramoura, os espectadores poden descubrir todos os segredos da serie e estar ao tanto da gravación dos capítulos nas seguintes redes sociais: www.facebook.com/serramoura.serie; www.twitter.com/serramoura_tvg e www.instagram.com/serramoura.serie.