Novas incorporacións e regresos de vellos coñecidos, hoxe en «Serramoura»

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Manuel San Martín
Manuel San Martín

Actores e actrices da serie preguntan sempre cando morrerá o seu personaxe

31 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A vila de Serramoura recibe a novos veciños e tamén a vellos coñecidos no episodio que se emite hoxe á noite a partir das 22.00 horas na TVG. Dar vida a un personaxe nun thriller como Serramoura, no que a espada de Damocles pode aparecer na seguinte páxina do guión, non é doado.

Segundo apuntan desde Voz Audiovisual, unha das preguntas máis comúns entre os actores e as actrices que participan en Serramoura é saber cando está prevista a morte do seu personaxe na ficción, pois, se non aparece escrita no guión, a porta sempre queda aberta para volver pisar a vila ficticia máis perigosa de Galicia.

Iso foi o que lle pasou ao personaxe de Manuel San Martín, un arriscado sicario que os espectadores de Serramoura coñeceron na temporada pasada e que esta noite regresa á vila para saldar contas co personaxe de Santos, co que mantén unha relación moi particular.

Tamén vai ser o momento no que Pancho, ao que dá vida o actor Xabier Deive, volva a Serramoura despois de pasar un tempo fuxido no monte e facendo todo o posible por evitar o contacto cos veciños da vila. Pero cal era o motivo da súa fuxida? A suposta implicación na morte de Malvar, o seu socio.

Estes regresos súmanse aos xa vividos en capítulos anteriores, que supuxeron a volta de Gloria Moscoso, Román Fiúza ou Micaela Morais -interpretados por Sabela Arán, Chechu Salgado e Melania Cruz respectivamente-, momentos que causaron unha fonda alegría entre os seguidores da serie, como deixaron constancia cos seus comentarios nas redes sociais.

E que é o que está detrás destes regresos? Desde a produtora da serie sinalan que é unha forma de que os personaxes e as súas tramas descansen e collan aire para volver con máis forza, aínda que tamén están moi presentes outros compromisos de traballo dos intérpretes cando non os poden compaxinar coa gravación da serie.

Ademais destes regresos, nos últimos tempos chegaron a Serramoura novos personaxes que supuxeron un revulsivo para a vila, como a incorporación de Alejandro Jato no papel de Brais, ou a chegada de Iria Azevedo como a misteriosa Muriel.

Nos vindeiros episodios da serie sumaranse ao elenco actores do talle de Miguel Pernas, Rosalía Castro ou Nacho Castaño.