«Consúmese máis televisión ca nunca, aínda que a xente diga que non a ve»

beatriz pallas REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

VÍTOR MEJUTO

O produtor e guionista Carlos Ares asegura que «"Mareas vivas" foi un antes e un despois para TVG»

07 feb 2019 . Actualizado a las 10:10 h.

Na víspera do anuncio dos finalistas aos premios Mestre Mateo 2019, que se coñecerán hoxe, Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual, impartiu clase no Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA), titulación da Universidade de A Coruña que organiza a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre co respaldo da Fundación Amancio Ortega. Alí falou aos alumnos da súa propia traxectoria como guionista a produtor executivo na creadora de formatos televisivos Zopilote.

-Un dos seus primeiros traballos televisivos foi a serie «Mareas vivas», que ven de cumprir vinte anos da estrea do seu primeiro episodio. ¿Que balance fai dela dúas décadas despois?

-Empezamos en A familia Pita e despois chamáronnos para unha serie ambientada na Costa da Morte. E fixemos Mareas vivas. Lembro perfectamente a estrea, o primeiro día de emisión. E lembro tamén un episodio, creo que foi o 39.º, que tivo un 50 % de audiencia. ¡Unha barbaridade! E non só iso. Tamén tivo o 25 % de rating, o que significa que a cuarta parte de toda a poboación de Galicia, incluídos anciáns e bebés, viron o capítulo. Foi un antes e un despois para Televisión de Galicia e para todos os que traballamos alí. Estabamos aprendendo e, ao mesmo tempo, facendo unha serie que foi un grandísimo éxito, unha gran aventura. Fixemos cousas moi bonitas e Mareas vivas foi unha das máis bonitas. Estar alí nese momento, no que non tiñamos moita experiencia ningún dos que estabamos alí. Luis Tosar, que non fixera ningún papel en cine, Luis Zahera, Miguel de Lira,... grandísimos actores e actrices. Tamén pasou por ela moitísima xente que despois foron creadores doutras moitas series.

 -Foi unha canteira para os Goya, desde Luis Tosar ata agora Luis Zahera.

-O de Mareas vivas foi o primeiro gran papel que fixeron todos eles. É historia da televisión e unha historia moi bonita.

 -Dúas décadas despois da estrea, como cambiou o audiovisual galego desde entón e co actual consumo baixo demanda?

-Nós agora somos produtores de proxectos máis pequenos, como Os mariachi. Facemos programas para access time, series máis baratas por minuto ca outras que teñen máis decorados, máis e actores e actrices. As nosas están pensadas para a repetición. O audiovisual galego cambiou para ben, porque cada vez hai máis profesionais dunha grandísima calidade e unha gran lista de xente da que podes tirar para calqueira traballo, sexa actoral ou técnico. Hai que facer máis ficción, porque ese é o motor do audiovisual e das televisións. Consúmese máis televisión ca nunca, aínda que a xente diga que non a ve. Os espectadores ven series e programas no ordenador ou nunha tableta, pero iso tamén é televisión. Eu veño dunha época na que só había dúas canles e o mando a distancia eramos os rapaces, aos que nos mandaban darlle ao botón, iso se algunha vez cambiabas á segunda canle. Aquela tamén era unha televisión moi curiosa, porque eu lembro ver todo o cine clásico na Primeira. Tiven esa sorte. Agora xa ninguén zapea porque xa sabe previamente o que hai o e o que vai ver. Consumimos máis televisión e fanse máis series ca nunca. Creo que ese é o futuro e aí os guionistas e os creadores temos moito que dicir. Sempre van facer falta creadores, xente que conte historias. Eu son de formación humanística, e creo que son indispensables as persoas que contan a historia e os que contamos historias.

 -Na gala dos Goya, o presidente da Academia de Cine, Miguel Barroso, reivindicou as series e a súa vinculación co cine.

-Xa nos anos oitenta se falaba da revolución da televisión con Steven Bochco e Canción triste de Hill Street. Aí xurdiron personaxes diferentes, policías corruptos ou con problemas de drogadicción. Aí vimos que os personaxes eran poliédricos. E series como The Wire ou Los Soprano fixeron que empatizaramos con personaxes malos, vías que non só os bos son interesantes. Agora vivimos un gran momento de series, pero se miras a historia da televisión sempre se di que estamos no seu mellor momento, porque cada vez se avanza máis.