Ana Santos: «Sigo gardando a serie no meu corazón»


redacción / la voz

Ana Santos posúe unha longa traxectoria como actriz que abrangue o teatro, a dobraxe ou a televisión, pero a súa primeira incursión no audiovisual tivo lugar hai vinte anos interpretando a Pitusa en Mareas vivas.

-Que atoparán os espectadores no programa especial de «Mareas vivas»?

-Volveremos a ver a algúns dos actores e actrices que participamos na serie. Veremos a Mercedes Peón, á xente de Laxe e moitas outras cousas. Hai que velo (ri).

-Como viviu vostede o regreso a Portozás para a gravación do especial?

-Moi ben. Foi un momento moi bonito porque rememoramos vivencias da serie. A min Laxe gústame desde sempre e volver a ver o seu mar foi moi bonito. Tamén a xente foi moi agradable e acolleunos moi ben.

-A emisión do primeiro episodio de «Mareas vivas» cumpre agora vinte anos. Que supuxo para vostede participar neste éxito da ficción galega?

-Para min Mareas vivas foi a miña primeira incursión no audiovisual. Foi unha experiencia moi positiva a todos os niveis e coa que empezou un camiño no que eu que nin sequera pensara como unha posibilidade. Mareas vivas foi unha novidade para todo o equipo e fíxose con moito cariño e foi unha vivencia moi positiva e agradable para todos. A Mareas vivas sigo gardándoa no meu corazón.

-Como viviu o éxito da serie cando todos os galegos coñecían a Pitusa?

-Teño que dicir que ata o día de hoxe todo o mundo tratoume moi ben e aínda hai xente que me chama Pitusa pola rúa (ri). No momento de Mareas vivas, o éxito era moi fácil de levar porque me trataban con moito cariño e nunca me agobiaron.

-Cal foi o segredo de «Mareas vivas»?

-Eu creo que foi unha combinación de dous factores. En primeiro lugar a xente sentíase identificada co que pasaba na ficción. Era unha serie de galegos na que a xente sentíase reflectida. E en segundo lugar, a forma de falar axudaba a que todo fose máis auténtico.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Ana Santos: «Sigo gardando a serie no meu corazón»