Sabela Ramil: «Cantando en galego sentíame coma na casa, é parte da miña identidade»

A concursante de «OT» confesa que está coma nunha burbulla


Ferrol

Despois de tres meses de Operación triunfo e dunhas primeiras horas no exterior atarefadas, Sabela Ramil Rivera (Bravos, Ourol, 25 anos) concede a súa primeira entrevista persoal a La Voz de Galicia. A artista, identificada coa Mariña lucense e con As Pontes, así coma co resto de Galicia, tivo na súa lingua un dos seus maiores valores durante o concurso, polo agradecemento que recibiu desde a súa terra ao converterse nunha especie de embaixadora. Finalmente, foi a cuarta clasificada e agora comeza unha nova etapa na súa traxectoria musical.

-Como se atopa horas despois de saír ao mundo real?

-A verdade é que aínda me sinto como se estivera nunha burbulla. Fisicamente xa estou fóra, pero emocionalmente, aínda non.

-E como resumiría o seu paso polo concurso?

-Foi unha experiencia bastante intensa. Ás veces había momentos moi duros porque a ninguén lle gusta que a valoren dunha maneira negativa. Ao final entendes que é parte do concurso e son cousas que tamén che fan aprender. E a min, de feito, fixéronme aprender moito.

-Entón, ningún arrepentimento de comezar esta aventura...

-Non, para nada, todo o contrario [ri]. Estou moi contenta de ter tomada a decisión do día que me presentei ao casting.

-Cre que vai cambiar moito a súa vida tralo concurso? Na rolda de prensa dicía que tiña medo ao non saber o que ocorrerá.

-Máis ben é a incerteza de non saber aínda como me vou organizar. Coma non me puxen a organizar a miña vida, todo é unha incógnita. É máis iso. Como vou distribuír o tempo para estudar, para seguir compoñendo, para tocar, para cantar...

-En Galicia valorouse moito que non parara de falar da súa terra e da súa lingua.

-E que para min é algo natural e eu son así, é parte da miña identidade e de como me sinto. Entón, cantando en galego sentíame coma na casa.

-Foi desde o principio decisión súa elixir temas en galego?

-Si, foi sempre a miña decisión. Desde o primeiro momento quixen elixir eses temas. E estou moi contenta de facelo e de que ademais me apoiaran.

-Aquí fálase de vostede coma se fose case embaixadora do galego...

-Aínda me decatei onte diso, pero é que para min é algo tan natural... Fíxome moitísima ilusión, porque valoro moitísimo a riqueza cultural que temos en Galicia e a que temos repartida polo mundo adiante.

-Nun programa onde a música comercial é clave, mantivo a esencia que leva consigo.

-A verdade é que era o que eu quería antes e o que sigo querendo agora: manter a esencia e a identidade que eu teño musicalmente. Aínda que no futuro penso explorar máis estilos.

-Entón, a partir de agora tamén probará cousas novas?

-Hai cousas que sempre seguirán aí. O que fun mostrando ao longo do programa cando elixía un tema é parte do que eu quero facer, pero non quero etiquetarme e estou aberta a cousas novas, sempre que vaian acorde ao que sinto e co que me identifico.

-Tivo moito apoio desde A Mariña e As Pontes. Que mensaxe  lle manda aos seus veciños?

-Que moitas grazas por como son e por apoiarme neste camiño que para min é tan importante. Espero devolverlles todo o cariño que me deron durante estes tres meses de concurso, que seguro que o irei recibindo e vendo ao longo destes días.

-Cales foron o seu mellor e o peor momento en «OT»?

-Mellores momentos houbo moitísimos [ri]. Gozaba moito cando estabamos todos xuntos compartindo algo divertido para soltar a presión de todo o día. E pola outra parte houbo momentos de baixón nos que non sabes se o estas facendo ben ou non, porque non tes o feedback da xente que te coñece de toda a vida. Pero está claro que sempre gañan os bos momentos.

-Ao principio estivo tímida e ao final soltouse cos compañeiros...

-É normal, porque entrei nun sitio novo totalmente descoñecido para min e ao principio estaba un pouco observando o que era todo iso. Cada un temos un ritmo de adaptación e o meu foi o que foi.

-É certo que aí dentro vívese todo con máis intensidade?

-Moitísima máis da que eu imaxinaba. Calquera emoción que no día a día pode ata pasar desapercibida, aquí facíase moi grande, enorme. Non tes contacto nin coa natureza, nin coa túa familia, nin practicamente con nada.

-Que tema dos que cantou o considera o máis especial?

-Creo que Benditas feridas, porque foi o primeiro que puiden elixir eu e é un tema moi importante para min. Dos que me deron, Next to me sorprendeume un montón e paseino moi ben con el. E No olvidarme de olvidar tamén me gustou moito.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
39 votos
Comentarios

Sabela Ramil: «Cantando en galego sentíame coma na casa, é parte da miña identidade»