Miguel Borines: «Eu chego a Serramoura, vístome de Moncho e el xa traballa só»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

No capítulo de hoxe (TVG, 22.20 horas), os sarxentos Neira e Quiroga investigan a desaparición dun corpo

02 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O personaxe de Moncho, interpretado polo actor Miguel Borines, converteuse nun dos máis queridos de Serramoura, serie da que se emite un novo capítulo esta noite (TVG, 22.20 horas). Nel os sarxentos Neira e Quiroga terán que investigar a desaparición dun corpo no cemiterio da vila. Roi e Marga sospeitan que se trata dunha vaga de vandalismo, pero Tomás opina que ninguén rouba un corpo sen un motivo. Santos, mentres tanto, intentará protexer os intereses de Teresa e Evaristo.

-Que falta por ver en «Serramoura»?

-Serramoura é unha caixa de Pandora, un baúl de sorpresas continuas, porque, cando parece que non vai pasar máis nada, pasa. Temos un elenco formidable de actores. Esta noite incorpóranse María Costas, Marta Carrillo e Héctor Carballo. Só por ver a estes actores, xa vale a pena. E polo que a min me toca, tivemos a ocasión de ver poucos momentos de felicidade persoal e real de Moncho, pero é posible que levemos algunha sorpresa. 

-Cal é a función de Moncho dentro da familia Neira?

-É curioso porque no ámbito da familia Neira, na que son todo problemas, viven un momento doce. Para Moncho que as súas fillas sexan felices é moi importante. Nos capítulos que estamos gravando Moncho di unha frase que se refire á súa familia: «Eu son feliz se todo o mundo ao meu lado é feliz».

-Agora Moncho é un pai exemplar, pero nos comezos era un personaxe totalmente diferente. Como viviu a súa evolución?

-Moncho foi un reto moi grande. Levo 35 anos traballando en teatro familiar e cómico e o proceso de atopar a Moncho foi moi intenso e moi sufrido. Despois de tanto tempo xa podo dicir que para poñerme na súa pel basta coa camisa de cadros e o pantalón. Memorizo as secuencias pero non as preparo. Chego a Serramoura, vístome de Moncho e el xa traballa só. 

-A familia Neira destaca pola boa relación que manteñen. Tamén é así fóra de cámaras con Lucía Regueiro e Isabel Naveira?

-Todo o equipo de Serramoura é fantástico. Antes da serie non coincidira nunca con Lucía nin con Isabel, e eu a día de hoxe teño dúas amigas no traballo. A conexión e o colchón de afectividade e confianza persoal son absolutos. Á hora de comunicar coas persoas que traballas é un pracer e estou encantado. Con Xúlio tampouco traballara e é un volcán e moi bo compañeiro. 

-Tamén podemos seguilo en teatro, cos espectáculos de Tanxarina e como protagonista en «Casa O’Rei», de Ibuprofeno Teatro. Como consegue adaptar o traballo actoral en cada caso?

-En Tanxarina hai unha técnica a maiores que é a do monicrequeiro. Ao facer espectáculos con marionetas, sempre traballamos coa cara vista facendo a interpretación do boneco, e tamén desdobrándonos para facer outras interpretacións. Pero cando chegou o momento de separarme do boneco para converterme en actor puro e sen recursos materiais foi unha aprendizaxe.