«?Serramoura? sempre se distinguiu por personaxes femininas moi fortes»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Nieves Rodríguez incorpórase hoxe á serie da TVG no papel dunha inspectora que xerará tensións na vila

11 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A punto de estrear a súa primeira incursión no teatro con Invisibles e presentando un programa diario nas tardes da TVG, Nieves Rodríguez está emocionada coa chegada da súa personaxe de Rosalía ao cuartel de Serramoura.

-Había ganas de estar en «Serramoura»?

-Moitas. Eu nunca traballara cos compañeiros de Voz Audiovisual e pareceume unha experiencia moi chula. Fixéronme sentir coma na casa desde o primeiro día. Sentinme moi arroupada polos compañeiros técnicos e de reparto.

-Como vive as horas previas á chegada de Rosalía a Serramoura?

-Con moita expectación e con bastante nervio. O outro día poñía nas miñas redes sociais que había tempo que non vivía unha estrea con tanta expectación por ver a reacción do público e por ver se Rosalía transmite aos fans de Serramoura.

-Quen é Rosalía?

-Rosalía é inspectora da Policía Nacional e iso en Serramoura, e no cuartel da Garda Civil, xa é un hándicap e proporciona un punto de tensión. Non teñen un pique pero si que se miran de lado. É cínica, dura e retranqueira pola vida que levou. Imos atopar unha muller forte e brava, pero para saber se iso é bo ou é malo terano que descubrir os espectadores.

-Todos os personaxes de «Serramoura» agochan algo. Tamén vai pasar con Rosalía?

-Non hai dúbida. Rosalía agocha cousas moi turbias. E a xente que imaxine!

-Interpretar a Rosalía supuxo algún reto para vostede?

-Cando lin os guións tiven moi claro como podía ser Rosalía. Ademais eu nunca traballara co director Jorge Saavedra, que aceptou as miñas propostas e deume tres indicacións moi puntuais, que foi o que lle deu o toque a Rosalía. Gocei moito interpretándoa e facéndoa.

-E como ve os papeis das personaxes femininas no audiovisual?

-Serramoura sempre se distinguiu por introducir personaxes femininas moi fortes, separadas do estereotipo, e cando chaman de Serramoura xa dis: «Isto vai ser bo!» Agora ben, en xeral non podo facer unha valoración de por que as personaxes femininas non evolucionan ao mesmo ritmo co que evolucionan os tempos, pero estamos polo bo camiño.

-Podemos vela en televisión e tamén no teatro. Como consegue facer un tándem perfecto?

-Estou en pleno descontrol. Ademais de presentar un programa diario na tarde de Televisión de Galicia, no que estou encantada e que vai medrando pouco a pouco, compaxínoo co teatro, que é a primeira vez que o fago na miña vida. Para min foi un pouco intenso, pero estou moi feliz, aprendo moitísimo e teño unhas compañeiras que son fantásticas. Agora falo como presidenta de asociación, e é que hai tanta xente no paro nesta profesión que cando che vén todo o traballo de golpe pensas que non serás quen de facelo, pero ao final sempre saes adiante.