Os sarxentos Neira e Quiroga aprenden a traballar xuntos en «Serramoura»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

A Garda Civil terá que esforzarse para resolver dous casos no episodio que ofrece hoxe TVG ás 22.05 horas

28 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta noite, a partir das 22.05 horas, Televisión de Galicia emite un novo episodio de Serramoura no que a Garda Civil terá que esforzarse ao máximo para resolver dous casos.

Despois da incorporación de Roi Quiroga como novo sarxento ao posto de mando de Serramoura e da fría acollida recibida por parte da que é a súa compañeira, no episodio desta noite Marga e Roi terán que aprender a traballar xuntos para resolver o caso da violación de Sira.

Pero o achado de Sira por parte dos efectivos da Garda Civil ao lado do corpo sen vida de Oliver non fai máis que complicar as cousas, e Marga e Roi non tardan en facerse a seguinte pregunta: ademais de Sira, quen podería ter motivos para asasinar a Oliver?

Por se unha investigación deste calado non fose suficiente, unha banda de criminais ataviados con máscaras de pallasos dedícase a sementar o caos pola vila asaltando os camións de madeira a golpe de escopeta.

Con Marga e Roi centrados na resolución do caso de Sira e Oliver, Tomás non ten outra opción que encargar toda a investigación do roubo dos camións ao cabo Parcero.

Sabendo a importancia que ten resolver un caso destas características nunha vila madeireira como Serramoura, Quique comezará as súas indagacións coa primeira persoa na lista de sospeitosos: Santos.

Pola súa banda, Evaristo e Raquel seguen adiante co seu plan para abrir a primeira explotación mineira de Serramoura, o que implica aceptar as esixencias do funcionario corrupto e pagarlle un suborno para acelerar os trámites.

A nova vida de Roi

Entre tanto traballo, e grazas á axuda de Raquel, Roi estase afacendo á súa nova vida en Serramoura. A química que hai entre eles é máis que evidente, detalle que non se lle escapa á sarxento Neira, quen, tras as indagacións que fixo Patri sobre o pasado de Roi, intentará asegurarse de que o seu estado é óptimo tanto para estar con Raquel como para o seu servizo no cuartel de Serramoura.

Redes sociais

Para estar ao tanto da evolución de Serramoura, os espectadores poden seguir a gravación e descubrir os segredos da serie nas seguintes redes sociais: www.facebook.com/serramoura.serie, www.twitter.com/serramoura_tvg ou www.instagram.com/serramoura.serie.