César Cambeiro, actor de «Viradeira»: «Pretendemos facer un retrato dunha vila mariñeira e que nos personaxes haxa verdade»

B. P. L. REDACCIÓN / LA VOZ

PLATA O PLOMO

05 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Manel, encarnado polo actor César Cambeiro , é un vello lobo de mar, pescador experimentado e cascarrabias, que leva corenta anos perseguindo un soño: atopar o tesouro dun galeón afundido que viu un día, de xoven, ao caer accidentalmente ao mar. Ninguén confiou nunca na súa historia, pero iso cambiará no primeiro capítulo de Viradeira.  

-¿Quen é Manel e que é o que busca?

-É un mariñeiro que busca realizar o soño da súa vida, que é atopar aquel barco afundido que viu de xoven. O mar é un ser vivo, un mundo moi cambiante, de vez en cando limpa fondos, fai bascular as praias e el non consegue localizar o punto exacto, porque acabou desmaiado na costa.

-¿Como fai para compoñer o personaxe?

-Trato de facer un personaxe moi realista e moi humano. Manel sofre, vive e desfruta co que fai. Como actor, intento buscar unhas claves dende o drama para chegar con iso á comedia e facer rir. Intento mostrar como se defende do resto das persoas con retranca e con humor, pero sen perder esa traxedia que o acompaña por non poder realizar o seu soño. Eu non sei se o vai ver realizado algún día. Espero que sí. Para compoñer a Manel tomei como referencia a moitos mariñeiros que coñecín. É un tipo rosmón, afeito a vivir so e de poucas palabras porque non lle fan falta para que os outros vexan que ten razón. Ao único que lle ten medo un mariñeiro é á borraxeira, á néboa.

-Pero de pronto todo o mundo lle da a razón e quere apropiarse do tesouro.

-É moi difícil enfrontarse a unha corrente de opinión maioritaria, pero el nunca tivo medo a iso, pese a que ninguén o cría durante moitos anos. O que me pregunto é si el algún día chegou a dubidar de si mesmo. A súa arma foi sempre facer a súa vida, por iso non é un home rico, porque non se dedicou a gañar cartos senón a cumprir o seu propio soño, que ao final acaba sendo o soño de toda Dorneda.

-¿Como é «Viradeira» e que vai atopar esta noite o espectador?

-É unha serie que pretende falar da vida mariñeira e de como os personaxes buscan a súa vida a través do mar. Neste caso é algo simbólico, porque o medio de vida que buscan é un tesouro afundido. Cando aparecen as probas de que ese tesouro existe, a xente empeza a interesarse polo aspecto material daquelo que parecía un soño e que, de pronto, transfórmase nunha realidade. Iso fai que a serie sexa coral, porque, por unha banda, veñen persoas da administración, e, por outra, todos os que eran xente anónima de Dorneda pasan a ter o seu protagonismo e a amosarse tal como son.

-E entre todos compoñen un retrato da xente do mar de Galicia.

-O que pretendemos é facer un retrato dunha vila mariñeira na que aparezan distintos personaxes e que neles haxa verdade. Non queremos facer unha comedia tola, aínda que si se fan acenos a directores como Hitchcock e Billy Wilder e a algunhas técnicas súas, que na serie empréganse de maneira moi modesta. A intención é facer unha comedia bonita, alegre, divertida e, ao mesmo tempo, que teña moita verdade. Por iso buscamos facer personaxes que sexan reais.