A CRTVG reorganiza a súa directiva para integrar todos os seus soportes

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

TELEVISIÓN

Cos cambios quérese incrementar a eficiencia de televisión, radio e canles dixitais

24 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Corporación Radio e Televisión de Galicia acaba de reestruturar toda a súa organización co obxectivo de mellorar o seu funcionamento na nova etapa dixital. Alfonso Sánchez Izquierdo, director da CRTVG, nomeou a un novo equipo co que quere adaptar o ente a unha nova dinámica produtiva e de proxección e comercialización, no marco da dixitalización das canles públicas.

O número de directivos será idéntico, pero cunha maior transversalidade e horizontalidade. Así, se antes a corporación tiña sete departamentos diferenciados, ademais do de proxección social -comunicación-, agora serán simplemente cinco, máis unha oficina do director xeral, na que se enmarca a comunicación.

Ademais, desaparecen as tradicionais barreiras entre radio e televisión, e as cinco áreas principais engloban dun xeito integrado todas as canles. Estas cinco estruturas serán a xestión corporativa; información e documentación; contidos; soporte tecnolóxico e medios; e innovación e negocio. Na primeira delas seguirá á fronte Jorge Varela, pero incorpórase una directora nova de recursos humanos, Susana Fernández Veiguela, avogada de distintos bufetes do sector privado.

Concepción Pombo Romero poñerase á fronte da área de información e documentación. Pombo é xornalista e redactora xefa de informativos. Quen ata o de agora era a coordinadora de informativos, Pilar Bermúdez, pasará a ser directora operativa, con control directo na Radio Galega. Esta área de información e documentación será fundamental na corporación, xa que dela dependerá a elaboración, xestión, arquivo e difusión dos contidos informativos, tanto da Televisión de Galicia como da Radio Galega. A de contidos estará dirixida por Fernando R. Ojea, quen fora durante os últimos oito anos director de proxección social. Será o departamento encargado de todos os contidos non informativos da corporación. Dentro desta nova estrutura Rosa María Sierra, ata onte subdirectora da Radio Galega, será a nova subdirectora de programación e emisións.

Sara González Otero, licenciada en Física e enxeñeira superior en Electrónica, será a responsable das infraestruturas e sistemas técnicos e tecnolóxicos. Dentro deste departamento Carlos Carballo asume a subdirección de medios. E finalmente Xosé Pereira Fariña, vicerreitor de Comunicación da Universidade de Santiago ata este momento, será o novo director da área de innovación e negocio. Integrará a xestión comercial e de márketing, e un novo departamento de entorno dixital. 

Rosa Vilas, adxunta

Rosa Vilas, directora da Radio e Televisión de Galicia no vello organigrama, terá un novo cargo como adxunta ao director xeral, mentres que o novo responsable de proxección social será Xaime Arias Rodríguez, xornalista que desde hai uns anos desempeñaba o seu traballo para varios medios desde Nova York.

O director xeral da corporación, Sánchez Izquierdo, informou aos membros do consello de administración da CRTVG dos cambios, que entrarán en vigor o 1 de xuño. A remodelación, destacou, «quere responder ao profundo cambio de modelo dos medios galegos», que están inmersos nun proceso transformador. Uns cambios que, para Izquierdo, permitiranlle á CRTVG a sostibilidade dun servizo público de calidade «adaptado á nova era dos medios multiplataforma», insistiu o director xeral, quen situou o ente entre os primeiros de España en calidade, audiencia e equilibrio financiero.