Paula Sanmartín: «Clara está entre a espada e a parede e toma decisións equivocadas»

B. Pallas REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

A actriz considera que o seu personaxe «é un luxo porque é unha muller forte e dá para indagar nese lado escuro»

29 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O último episodio de Serramoura puxo entre a espada e a parede á Garda Civil Clara Durán, que intentou matar a Marga Neira. Está interpretada pola actriz Paula Sanmartín. 

-Clara non parece moi consciente de ser a mala da película. ¿Como cre que se sinte?

-Clara é unha muller á que as circunstancias levaron a uns límites que a situaron no lado escuro. Estaba no lugar certo na hora errada. O que a motivou ao principio foi cumprir co seu deber como Garda Civil, pero meteuse moito no seu papel e cústalle diferenciar o que ten que facer. Despois de tres anos como infiltrada, parécelle moi inxusto o que está a pasar. Está entre a espada e a parede e toma decisións equivocadas para salvar a súa pel. Ela considera que está facendo o que ten que facer nun momento moi difícil.

-En «Serramoura» todo parece acabar mal. ¿Hai esperanza para Clara?

-No último episodio pillárona coas mans na masa cando ía rematar o seu traballo, así que en principio agora está entre rellas. Vexo moi difícil que poida salvarse diso. Ademais, os policías infiltrados case sempre acaban fatal, pero xa os guionistas saberán o que teñen que facer.

-¿Agrádalle concitar o odio dos «serramourers» por intentar matar a Marga?

-O personaxe de Clara é un luxo para mín, porque é unha muller forte e dá para indagar nese lado escuro. É un pracer interpretala, porque, a pesar de que sexa un personaxe antipático para os espectadores, como actriz é un carameliño. No episodio no que dispara a Marga e cando bota o somnífero no hospital, todo o mundo estaba desexando que a pillaran. Pero para alguén a quen lle gusta actuar é moi divertido un papel coma este. E estou moi contenta de participar nunha das mellores series que se están a facer en Galicia.

-Todo o mundo quere saber cal será o seu destino. ¿Resulta difícil manter o segredo?

-Facémolo porque asinamos un contrato de confidencialidade.

Seis meses despois 

Volta á normalidade. Seis meses despois do intento de asasinato da sarxento Neira, Marga está no seu posto ocupándose dun caso de compra-venta de mercancía roubada. Mantén unha relación con Toño, un madeirista divorciado.