«Quique ten o síndrome de Clark Kent; quere ser Superman»

b. pallas REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

O actor Miguel Canalejo cre que o público ruso vai disfrutar coa estrea de «Serramoura»

15 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O xove axente Quique converteuse no heroe de Serramoura despois do seu papel clave na liberación dos secuestrados no club da mafia rusa. O actor coruñés Miguel Canalejo asegura que se divertiu moito na rodaxe daquelas escenas de acción. 

-¿Como viviu Quique a súa transformación en heroe de «Serramoura»?

-A verdade é que foron secuencias moi divertidas de gravar, aínda que pasei moito frío, porque andaba coa perna enchoupada en sangue. Andamos por aí pegando tiros co especialista e foi divertidísimo para nós e creo que para a xente tamén. Os guionistas tiñan ganas de facer un capítulo con moitos personaxes encerrados nun mesmo espazo e funcionou moi ben, porque temos moi bo rollo entre nós. Por exemplo con Chechu Salgado (Román Fiúza), co que apenas coincido nas gravacións, pásoo moi ben, porque temos a mesma idade e un sentido do humor parecido.

-O reparto coral de «Serramoura» abrangue todas as idades.

-Creo que ese é un dos grandes acertos da serie, que hai moitos personaxes cos que todo o mundo se pode sentir identificado. Eu ao principio, como era dos máis novos, tiña unha necesidade moi forte de encaixar e caer ben, pero foime moi sinxelo e agora aprendo moito de todos.

-Quen lle ía dicir que o seu personaxe se convertería no heroe desta temporada.

-Quique ten o síndrome de Clark Kent, porque el quere ser Superman. Encántalle ser o heroe de Serramoura, pero vai sobreestimar as súas capacidades e iso vai dar pe a que nalgún momento cometa algún erro.

-¿Que lle queda por descubrir ao espectador nesta temporada?

-A acción vai ir a máis. Non nos conformamos. Van entrar novos personaxes moi estratéxicos. Un deles será un amigo meu, David Novas, o meu compañeiro de piso, que vai interpretar a un personaxe moi inesperado. Un dos acertos desta temporada é que a xente vai temer por algúns dos personaxes máis queridos e vai levar sorpresas que non agarda. E tamén haberá amoríos, por suposto. A mín xa me vai tocando algún roce, que desde a morte de Álex non levanto cabeza.

-¿Xa se escoitou a si mesmo falar en ruso, agora que a serie se vai estrear neste país?

-Aínda non, pero teño moitas ganas. Non sei que voz me poñerán, como nos primeiros capítulos son tan pagafantas...

-¿Cre que gustará alí o asunto da mafia rusa?

-Creo que lles vai gustar, porque é unha serie moi universal. En todos os países hai un pobo pequeno que se dedica ao mesmo e co que o público se pode sentir identificado. Para min os quince primeiros capítulos de Serramoura son excepcionais e son os que fan que a xente se quede enganchada. Creo que os rusos van querer máis.