«Gústame interpretar a Micaela, unha muller de armas tomar»

Gañadora do María Casares á mellor actriz protagonista, debuta esta noite como xefa da mafia de «Serramoura»

.

Redacción / La Voz

Chámase Micaela, Micaela Morais, e chega esta noite para revolucionar aínda máis Serramoura (TVG, 22.25 horas). Ela é a xefa da mafia rusa e o seu obxectivo é facerse co serradoiro a calquera prezo. Detrás desta muller de acción está Melania Cruz, recente gañadora do María Casares a mellor actriz protagonista pola obra Xardín suspenso, que despois dun breve papel en Urxencia cero, debuta no prime time televisivo cun papel principal. Mentres, traballa nas compañías Teatro Muxicas e Il Maquinario Teatro e agarda a estrea en cines da película Dhogs. 

-¿Como foi para vostede o desembarco en «Serramoura»?

-Que te chamen para unha serie que ves todos os domingos desde a primeira temporada e na que traballan profesionais que admiras, unha das ficcións con máis tirón, o primeiro que produce é moitísima ilusión. Nun segundo momento produce vertixe por non saber se vas estar á altura. Tes certo medo e responsabilidade por facer o teu traballo o mellor posible. Estou moi agradecida por compartir escenas cos actores e con todo o equipo, que é marabilloso. Todo o mundo axuda para que ti esteas moi concentrada e fagas ben o teu traballo. Hai un magnífico ambiente que se reflicte na propia serie. Para min foi unha das mellores experiencias profesionais.

-E como espectadora antes que protagonista, ¿que foi o que a atrapou de «Serramoura»?

-O xénero, o thriller galego que non é habitual. Antes de Serramoura xa estivo Matalobos, que tamén explotaba unha liña moi interesante. Creo que a serie ten, en xeral, unha calidade interpretativa sobresaínte e consigue moita interacción do público nas redes sociais. Lograr que a xente estea tan implicada é un éxito rotundo, porque todos traballamos para o público. 

-¿Espera que o seu debut nunha serie de «prime time» supoña un cambio na súa carreira?

-Xa tiven un personaxe episódico en Urxencia cero, o primeiro que fixen en televisión, pero chegar como segunda opción a Serramoura é desas cousas que non imaxinas. Eu veño do teatro, que non chega a tanto público como a televisión. De feito aínda non debutei en Serramoura, pero xa estou notando que moita xente que non me coñece empeza a relacionarme coa serie. Ademais, o da televisión é outro código diferente, e ao mesmo tempo moi complementario, que a min persoalmente serviume moitísimo para o meu traballo. 

-¿Quen é Micaela?

-É un personaxe que vai ter bastante peso nesta temporada. Encántame, porque é un perfil que eu non traballara nin en teatro nin en cine. Micaela dirixe o clan da mafia rusa, unha muller moi ambiciosa que vai revolucionar Serramoura e vai poñer a andar a moitas das persoas. Gústame poder interpretar a unha muller de armas tomar. Ela está nesa posición porque a vida a levou aí. Optou por ese camiño, porque pensou que era o mellor que podía facer dentro das súas opcións despois dunha vida moi dura. É moi significativo que sempre estamos falando da paridade, da equidade e creo que é importante ver que nas series tamén saen mulleres nestes papeis, aínda que non sexa un personaxe positivo. Pero ela ten os seus motivos para facer o que fai. Nunca fai nada por simple maldade. Polo menos eu intento amar o máximo posible aos meus personaxes para xustificar as cousas que poidan chegar a facer, por terribles que sexan. O feito de que unha muller estea á fronte dunha organización destas características paréceme unha decisión importante dos guionistas, que decidiron que nesta temporada as mulleres van coller máis protagonismo. Moitas veces nas series hai unha gran presenza masculina con personaxes que ostentan posicións de poder. Gustaríame pensar que as cousas están cambiando.

-¿Con que personaxes vai ter máis relación?

-Vai comezar polos poderosos, cos que teñen máis poder dentro da vila. Cando chegue vaise comunicar con Teresa Soutelo e Evaristo Fiúza para poñer as cartas enriba da mesa. Vai ter moito trato con Santos, porque sabe que é unha peza imprescindibile para conseguir o que quere, e tamén con Román.

Votación
2 votos
Comentarios

«Gústame interpretar a Micaela, unha muller de armas tomar»