Miguel Canalejo: «En 'Serramoura' haberá moitísima acción e os espectadores gozarán dela»

Amante do deporte e afeccionado á escritura de curtas, o actor gaña espazo na ficción de Voz Audiovisual

.

redacción / la voz

Só ten 25 años, mais este actor nacido na Coruña vai gañando calado en Serramoura, ficción creada por Voz Audiovisual que regresa hoxe a ás 22.25 horas ás pantallas da canle autonómica galega. Miguel Canalejo, que estudou Arte Dramática en Vigo e un máster de interpretación en Madrid, é o axente Quique. Un rapaz ilusionado, pausado e querido por todos, pero que nesta nova tempada da serie alcanzará máis protagonismo e asumirá un novo rol. O capítulo da última entrega rematou cun sobresalto: o descubrimento dunha nena soa na súa casa, e os seus pais brutalmente asasinados. Quique é intuitivo e pensa que a cativa sabe algo máis... As súas pescudas serán determinantes para o desenvolvemento da trama.

-Como puido superar Quique a notable ausencia de Álex tras a súa morte?

-Con moito traballo. O personaxe céntrase nos labores do día a día para esquecela da mellor maneira. Porque Quique é un pouco adicto ao seu traballo.

-O seu personaxe vai medrando paseniño...

-Pois foi algo que xurdiu, foron un conxunto de circunstancias. O personaxe que interpreto gusta e ademais ten o seu xogo. Semellaba que era un policía que cumpría un papel só informativo. A xente empatizaba con el, e agora os creadores queren que estea máis activo.

-Con que sorprenderá «Serramoura» nesta entrega?

-Os telespectadores que seguen a serie van ver moitísima acción e gozar dela. O meu personaxe vai ter situacións máis movidas, e vou facer cousas vinculadas a un rol de actor de acción, aínda que algún poida pensar de primeiras que non dou ese perfil. A xente vai pasalo ben cos novos capítulos, sen dúbida. Persoalmente, estou afeito á comedia, e a partir de agora teño que pegar chimpos, algo que pode ser estraño, aínda que a min esa faceta vaime gustar.

-Que tipo de vida agocha tras o uniforme verde o prudente garda civil Quique?

-O axente é moi dous seus, tremendamente familiar. Nesta entrega saberemos máis da súa vida e incluso a súa infancia. En certo sentido temos cousas en común, pois aínda que parezo arrichado sonche tamén algo vergoñento e un pouquichiño zoupón.

-Que fai Miguel Canalejo cando non anda a interpretar?

-Practico moito deporte. De feito, xa probei case de todo. O último que fixen foron acrobacias, e agora estou indo a crossfit. Ademais, son moi amigo dos meus amigos, saio con eles, coma calquera rapaz. Pero tamén escribo. Acabo de rematar unha curta titulada Quinta provincia.

-Ambientada na Arxentina, supoño.

-Non, non, para nada. A cinta conta por que os actores galegos emigran a algures, neste caso a Madrid, na procura de traballo ou experiencias. Son anacos de vidas que fun recompilando a través de narracións achegadas por moitos coñecidos e agora fusionadas en cine.

-Comezou con teatro e vés del. Hai canteira en Galicia?

-Estou convencidísimo que si. Haina. Estou a ver aos meus compañeiros de estudos e comprobo que andan a traballar arreo. Na interpretación a canteira galega ten aínda moitísimo que dicir.

-Que é o que engancha á audiencia de «Serramoura»?

-Quizais o que máis enganche ao público é como están escritos os personaxes, a súa creación e posta en escena. O atractivo tamén reside nas relacións xeradas entre os personaxes, tan dinámicas e que se reflicten en situacións que sementan no espectador unha realidade atractiva. Diso ten toda a culpa a excelente equipa da ficción, cun elenco marabilloso, un vestiario que non lle queda atrás, unha maquillaxe moi profesional...

Votación
1 votos
Comentarios

Miguel Canalejo: «En 'Serramoura' haberá moitísima acción e os espectadores gozarán dela»