«Creo que Gloria nunca foi mala, pero non é moi agradable ás veces»

«Serramoura» amosa a reinvención do personaxe de Sabela Arán, gañadora dun Mestre Mateo á mellor actriz por «Vilamor»

.

redacción / la voz

Sabela Arán, gañadora dun Mestre Mateo á mellor actriz no 2012 por Vilamor e posuidora dunha nominación pola súa participación en A esmorga, converteuse para os espectadores de TVG na ambiciosa Gloria Moscoso, a exmuller de Evaristo Fiúza, o terratenente de Serramoura. No capítulo desta noite (22.25 horas), titulado O prezo a pagar, a resolución do secuestro dos Fiúza saldouse coa morte dun dos secuestradores e o outro, o sobrevivinte, pide vinganza e quere acabar coa vida da sarxento Marga Neira. Só o seu compañeiro, o sarxento Diego Bazán, poderá protexela.

-¿Onde se sitúa Gloria exactamente despois do xiro experimentado no último capítulo?

-A min gústame especialmente Gloria, porque é un personaxe que está evolucionando moito. Todos o fan, pero ela especialmente. Empezou sendo a muller máis ou menos atractiva que está co home poderoso da vila para beneficiarse e levar un tren de vida elevado. Agora está pasando a muller independente que marchou do lado do seu marido e busca solucionar a súa vida pola súa conta. Iso era o que estaba intentando facer antes da irrupción dos atracadores.

-¿Vai ese suceso marcar un antes e un despois nela?

-Por suposto. No primeiro momento, mantívose forte e encarouse a eles ata que pasou algo fóra de cámara que parece que si a marcou bastante. Ela pretende disimular que é unha muller humillada, pero estalle resultando complicado. Cre que Evaristo non xestionou ben o rescate dela e de Román e pretende tomar a xustiza pola súa man a través de Santos, aínda que non lle sae moi ben. Agora estamos no desenlace desa trama. O que está por vir é unha Gloria renovada, unha Gloria 2.0.

-Simplificando, ¿Gloria é boa ou é mala?

-Ata o momento sempre se viu a unha persoa fría que só se relacionaba con quen lle interesaba, pero agora vai tendo relacións con outros personaxes e iso permitirá que vexamos a unha Gloria moito máis intelixente e audaz. ¿Boa ou mala? Eu creo que mala nunca foi, o que ocorre é que non é moi agradable ás veces. É moi seca, borde por momentos, pero eu quero pensar que é boa muller.

-¿Que percibe na xente da rúa?

-O outro día me dicían que rían moito con Gloria, aínda que iso non é o primeiro que pensas ao vela, porque non é un personaxe cómico. Ao mellor é que todos temos un lado Gloria oculto e, ao velo en televisión, nos sentimos identificados. Esa é catarse do espectador, que cando empatiza co asasino da película non é porque un sexa un asasino, senón que hai cousas nel coas que se identifica. Non creo que haxa moitas Glorias polo mundo, pero ao mellor ao espectador si lle gustaría facer algunhas cousas que ela fai. É a maxia da ficción.

-¿Como ven esta segunda temporada de «Serramoura»?

-É unha serie que está arrasando no panorama televisivo galego, porque as mortes, a violencia e o sangue son os protagonistas, pero tamén o misterio, a intriga, as relacións extremas entre veciños... Na segunda temporada teremos máis do mesmo, e máis aínda, con personaxes, relacións e problemáticas novos. A min estame interesando máis esta segunda temporada, porque xa coñecemos aos personaxes e empatizamos máis con eles. Vese moi claro no personaxe de Moncho, que nos primeiros capítulos era o home que bebía e agora é o avó que todos queremos ter, amable e agradable. Uns personaxes están mudando, outros non, e todo iso verase nesta temporada.

Votación
2 votos
Comentarios

«Creo que Gloria nunca foi mala, pero non é moi agradable ás veces»