«De bares» volve percorrer tabernas e restaurantes emblemáticos de Galicia

Redacción LA VOZ

TELEVISIÓN

Sen abandonar o formato docu-reality, os espectadores asistirán a novas conversas nas barras entre animados clientes e poderán ver (e escoitar) cantos de taberna e habaneras que semellaban desaparecidos

11 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

De bares volve percorrer os lugares de encontro por excelencia dos galegos: os bares. Nova temporada dun dos programas de máis éxito da cadea autonómica, coa produción a cargo de V Televisión. Tódolos domingos, a partir das 22.30 horas, o programa achégase a catro bares, tabernas, tascas ou restaurantes na procura de bos viños (habelos hainos), cantos de taberna (aínda quedan) e conversas de barra (nunca faltan). Da man dos seus donos, cociñeiras e clientes achégase á historia de locais emblemáticos de Galicia.

Cincuenta e dous novos bares que ver, repartidos en trece racións semanais e con catro tapas en cada un deles. Sen abandonar o formato docu-reality, os espectadores asistirán a novas conversas nas barras entre animados clientes e poderán ver (e escoitar) cantos de taberna e habaneras que semellaban desaparecidos. De bares atopounos e acompañaraos de receitas das cociñeiras que fan da tapa que acompaña cada consumición a escusa perfecta para ir de cañas ou de viños.

Na estrea desta noite fanse catro paradas. En Casa Gazpara, en O Carballiño, Camilo O Ruzo é un orgulloso pulpeiro. Comezou hai décadas cando como empresario da construción facía polbo á feira no seu garaxe. Amigo íntimo do expresidente Manuel Fraga, foi o encargado de facer memorables enchentas que os populares celebraban no Monte Faro (Domaio, Pontevedra). «No ano 90 e no 94 fun con Fraga a Cuba para facerlle unha pulpada a Fidel Castro e levamos o polbo e as empanadas no avión», lembra O Ruzo. Racións de polbo e carnes á brasa pódense atopar en Baamonde, no restaurante Ruta Esmeralda, nunha área de servizo da estrada N-VI onde Marisol López e o seu fillo Manuel Castro rodéanse de camioneiros e veciños da vila. Un dos seus clientes, José Veres, con 92 anos, non perde a oportunidade de gozar dun vaso de viño: «Un vaso? Sonche dous litros oh!», comenta.

De viños sabe tamén Abel Pallares. O seu apelido dá nome a unha taberna emblemática no barrio do Calvario, en Vigo: «Ía para enxeñeiro e acabei de taberneiro», resume. «Entre cuncas de viño tamén hai moita sabedoría popular», conclúe. E no Bar Rogelio, en A Coruña, Juan Manuel González, o seu actual propietario, recomenda bocadillos da carta coma os «caníbales» ou os «guerrilleros». O local está na rúa de San Roque e segue a ser unha referencia dos bocatas.