Antonio Mourelos: «Evaristo é un home que precisa do cariño dos demais»

b. pallas REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

O personaxe encarnado por Antonio Mourelos é o principal sospeitoso do asasinato de Mónica Triáns en «Serramoura»

07 dic 2014 . Actualizado a las 05:01 h.

Evaristo Fiuza, o home máis poderoso de Serramoura, está na cadea como principal sospeitoso do asasinato de Mónica Triáns, pero a súa culpabilidade aínda está por demostrar. O personaxe encarnado polo lucense Antonio Mourelos estará esta noite no centro das investigacións en Serramoura (TVG, 22.05 horas).

-¿Quen é realmente Evaristo Fiuza?

-É un personaxe facilmente recoñecible, un home que empezou desde abaixo, con ambición de poder e que quere gobernar na vida e na facenda dos demais. Estes personaxes sempre corren o risco de ser arquetipos malos e escuros, pero a min o que me gusta del é que ten debilidades e arestas. Gústame que teña debilidade pola súa familia, que estea tan namorado da súa muller aínda que ela non o está tanto. Que un personaxe así poida ser perdedor é a parte que máis desfruto e a que me supón un reto como actor. A min resúltame incluso cómodo facer personaxes no límite da maldade e cústanme máis traballo outros, coma este, con vida interior. Evaristo deume a oportunidade de non ser ese malo de cartón pedra, senón alguén máis humano. De feito teño secuencias moi bonitas, desas que me fan darme conta de por que estou nesta profesión.

-O mesmo ocorre con toda a serie de «Serramoura», onde ninguén é o que parece.

-É unha historia bastante real e próxima, sen arquetipos. Para que os actores poidamos contar iso con maior ou menor fortuna precisamos ter uns diálogos ben escritos, como é este caso. E penso que outra clave do éxito é que nesta serie hai unha mestura moi interesante de actores que xa levamos uns anos neste mundo con xente que está empezando cunha enerxía nova. De entrada, esa combinación deu como resultado un ambiente de traballo marabilloso e creo que iso traspasa a pantalla.

-Evaristo é tamén un pai protector.

-Moi protector. Como toda a xente ambiciosa, Evaristo necesita protexer para sentirse protexido. Non deixa de ser un home que necesita do cariño dos demais, aínda que o disfrace. E cando iso falla, el vense abaixo e amosa a debilidade humana.

-A serie ambiéntase no complexo sector madeireiro. ¿É este tan difícil como o do audiovisual?

-O noso é un mundo moi complexo, aínda que todo se traduce en algo moi sinxelo, que é facer películas ou facer series. O da madeira é un sector fundamental e moi descoñecido, pero o do audiovisual tamén creo que, cantos máis anos pasan, menos o coñezo. É un mundo enigmático.

-¿Atravesa agora a ficción galega un bo momento?

-Xa tocaba, que levabamos uns anos de seca. Agora coinciden varias longametraxes, a ficción en televisión arranca con forza e os actores e actrices galegos, así como os técnicos, cada vez estamos máis solicitados fóra. Atravesamos un bo momento en canto a talento e vemos que somos capaces de facer produtos moi bos a ritmo de infarto. Unha lectura que me gusta facer é que si estamos facendo isto nas condicións actuais que non faríamos cos presupostos que manexan outros. Eu pediría que alguén asuma, polo menos unha vez, o risco de facer algo co presuposto suficiente para ter unha garantía de calidade e facelo exportable.