Monti Castiñeiras: «O meu personaxe permíteme facer moitas cousas prohibidas»

b. pallas REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Voz Audiovisual

Santos, encarnado por Monti Castiñeiras, irrompe hoxe en «Serramoura»

09 nov 2014 . Actualizado a las 10:56 h.

No puzzle de Serramoura, buscar ao asasino de Mónica Triáns parece cada vez máis complexo. No capítulo de hoxe (TVG, 22.10 horas) irromperá un novo personaxe que vai dar moito que falar de aquí en diante. Trátase de Santos, dono dun desguace e persoa de vida turbulenta que está encarnado por Monti Castiñeiras. O actor compostelán pronto aparecerá tamén no cine na película A esmorga, da que ademais está dirixindo a dobraxe ao castelán.

-¿Quen é Santos?

-É un tipo que, en principio, é dono dun desguace de coches. Ese é o seu negocio legal, unha tapadeira diante da xente, porque tamén ten varios negocios ilegais. É un tipo moi individualista, ao que non lle interesa nada a xente que non sexa el mesmo e que se considera por enriba de todo o mundo. Para conseguir o que quere vai sempre polo camiño máis curto, sexa cal sexa. Ademais, gústalle moito o diñeiro e fai moitas cousas para conseguilo. É un buscavidas, un tipo temerario que ten un imán para os problemas e métese en moitas leas; un tipo feito a si mesmo, cun humor peculiar e unha retranca importante. É un personaxe co que estou gozando.

-Con ese currículo tan especializado, ¿non estará pensando en optar a un cargo público?

-Á política de momento non se dedica, pero nunca se sabe como poden evolucionar as series en próximo capítulos [risas].

-¿Está xa adaptado á súa nova imaxe?

-Teño un aspecto físico moi distinto do que é habitual en min. Nunca tiven unha barba tan longa nin o pelo tan curto. Ás veces, pola mañá lévome un susto, porque, como normalmente non me vexo por fóra, eu penso que sigo estando coma antes. Parezo outra persoa, o cal está moi ben para o traballo de actor.

-¿Vostede sabe xa quen é o asasino de Mónica Triáns?

-O equipo si o sabemos, pero non podemos dicilo. Se eu fose o público non querería sabelo, preferiría descubrilo pouco a pouco.

-A serie é líder de audiencia e os espectadores están enganchados desde o primeiro minuto. ¿Por que cree que é tan adictiva?

-Estamos enganchados todos. Aínda que nós lemos todos os guións desde o principio, ao ver a serie estou levando sorpresas, porque xa non me acordaba dalgunhas cousas. Creo que os guións están moi logrados e os finais de cada capítulo danche ganas de ver o seguinte.

-¿É o «thriller» o xénero de moda na televisión?

-Thriller sempre houbo, pero si é certo que moitas das últimas series encaixan neste xénero. É un dos meus favoritos.

-Ademais do aliciente de descubrir quen é o asasino, en «Serramoura» ninguén é o que parece, todo o mundo ten unha cara B.

-Ese é un ingrediente básico. Pasa como na vida. Ninguén é o que parece e todos temos polo menos dúas caras, algún ten máis. A xente me pregunta se o meu personaxe é bo ou malo, como se as persoas só se clasificasen niso, pero todos temos unha parte boa e unha mala. E o que diga que non minte. Cos personaxes sucede o mesmo, porque se fosen lineais sería moi aburrido.

-¿E os actores, cantas caras teñen?

-O que máis me gusta deste choio é que un personaxe coma este é unha gozada, porque che permite facer cousas que nunca farías na vida real, porque moitas están prohibidas. Iso para xogar é bárbaro, e nesta profesión hai que xogar moito. Se xogas coma un neno pequeno, o resultado vai ser marabilloso.

-Moitos defenden que as series son o novo cine. ¿Que opina vostede?

-Penso que é así. Eu son tamén moi adicto ás series. Estanse facendo con moitísima calidade, son case películas algo máis curtas, pero a calidade é enorme e iso dálles un plus importante.