R estrea un documental sobre a música galega nos anos setenta

«De Voces Ceibes a Milladoiro», dirixido por Antón Seoane, conta o cambio entre 1973 e 1978


Redacción / la voz

Foron anos «emocionantes». Así cualifica os cinco anos entre 1973 e 1978 Antón Seoane, integrante de Milladoiro e codirector do documental que hoxe se presenta no Centro Galego das Artes da Imaxe, De Voces Ceibes a Milladoiro. Unha memoria do movemento popular da canción galega. O documental, coproducido por R e Casa de Tolos, estrease ás seis da tarde na sede coruñesa do CGAI, pero xa pode ser visto polos clientes da plataforma galega que estean subscritos á canle musical Tolemias.

Segundo Antón Seoane, este documental «é a terceira pata dun banco formado por un libro e un disco nos que se contan as vivencias dun tempo que foi moi emocionante de vivir». Guiados por Seoane, no documental hai outras voces para contar eses cinco anos que cambiaron a música en Galicia. Pilocha, Rodrigo Romaní, Bibiano, Miro Casabella, Vicente Araguas, Nonito Pereira ou os que, antes de Milladoiro, formaban Faíscas do Xiabre.

Seoane sinalou na presentación do documental que nin a película nin o libro e o disco, que poderían saír antes do verán, «son un tratado histórico senón a recollida dunhas vivencias dun tempo».

O documental conta eses cinco anos desde o momento en que a música galega comeza a tomar protagonismo ata o día en que se se pode «dicir que naceu Milladoiro». Seoane asegura que na película «non están todos os que son, houbo quen non quixo falar e quen non puído», e comenta o caso de Luís Emilio Batallán quen lles asegurou que non lembraba nada de aquilo.

O codirector da longametraxe, Segundo Grandío, explicou que este é «o primeiro documental que poñemos en marcha desde Casa de Tolos», sinalou tamén que o seu carácter musical «complementa moi ben a oferta da canle ao que vai destinada, Tolemias». Grandío explicou que esta película documenta un momento clave na música folk, argumentando que «sen Milladoiro non se pode entender a música folk, sería radicalmente distinta». Grandío apuntou que a película era «moi amena e descubre algunhas novidades dun tempo fundamental para a o que hoxe se entende por música galega».

Para Alfonso Martínez, responsable de contidos de R, «é un fito estrear un documental coma este e completar unha oferta de vídeo baixo demanda nunha canle na que se xa se poden desfrutar 75 concertos».

Segundo as cifras do operador, na actualidade Tolemias conta con máis de 2.000 subscritores mentres que R conta con 100.000 abonados. A subscrición a esta canle custa 0,90 euros máis IVE.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
20 votos

R estrea un documental sobre a música galega nos anos setenta