«A nosa moura é unha gran deusa creadora»

beatriz pallas REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Este ser mítico protagoniza hoxe «Lendas vivas»

13 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

As lendas e mitos populares son o gran patrimonio cultural sen divulgar, considerados como manifestacións de segunda ou terceira clase. O programa Lendas vivas, de V Televisión, é unha nova forma de transmisión destas historias populares que sobreviviron a séculos de historia. Esta noite (21.45 horas), o espazo achegarase ás figuras das mouras por medio da lendaria moura do Castro de Negros, no concello de Redondela, que aínda agarda a quen sexa capaz de liberala do seu encantamento. O especialista en mitos populares e lendas Antonio Reigosa explica a importancia destes seres sobrenaturais.

-¿Que é unha moura?

-É o que nos queda na cultura popular dunha antiga deusa única relacionada coa natureza e o tempo, unha gran deusa creadora que chega a nós difuminada como se fosen varias.

-¿A que época pertence?

-É complicado de saber. Abondan os documentos da Igrexa condenando estas prácticas e habitualmente a moura foi sustituida por un santo ou unha virxe, nun exemplo de sincretismo. O que si é seguro é que no neolítico xa estaban vivos os rituais nos que a xente invoca a un ser superior pensando que deste xeito atende as súas peticións. O neolítico é o momento no que se pasa da trashumancia a estabilizarse e cultivar a terra, de xeito que o sol e a lúa pasan a ser referentes básicos. Se hoxe dicimos que o ceo está arriba é porque os primeiros deuses eran os astros.

-¿As lendas son o gran patrimonio cultural descoñecido?

-É moi pouco coñecido e o pouco que se dá a coñecer ás veces é mal divulgado por xente que non acaba de entender que este patrimonio é tan importante como poida selo unha muralla ou unha igrexa. As lendas, os relatos míticos e todo o patrimonio que se difunde por vía oral están marxinados e teñen unha carga simbólica que é preciso entender.

-¿É difícil romper cos tópicos?

-Certa divulgación que se fai está basada en tópicos, como o de que en Galicia hai meigas. Pero ¿que é unha meiga? É unha señora sabia, que usa herbas, pero que ningunha tradición literaria di que sexa mala.

-¿É Galicia un lugar especialmente rico en lendas?

-Veño de participar nun congreso con investigadores de diversas procedencias e a conclusión é moi simple: somos todos iguais. Formamos parte da mesma cultura globalizada desde hai moito tempo e as lendas dan unha concepción do mundo que o sistema decidiu marxinar. Galicia forma parte dun entorno que se incorporou tardíamente ao mundo urbano e globalizado, pero xa estamos indo na mesma dirección que todos, xa temos un grado altísimo de desprezo á cultura popular.

antonio reigosa especialista en mitos e tradicións populares