Marta Doviro: «Galicia é a comunidade con máis festas en verán e inverno»

b. pallas REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

O programa de V Televisión sobre feiras e romarías emítese os venres

21 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Marta Doviro percorreu Galicia en cabalo e en burro, correu diante do boi de Allariz, peregrinou 19 quilómetros baixo a choiva, fabricou queixo e pescou nos ríos galegos. Desde o seu papel de presentadora de A mochila do viaxeiro, esta actriz vive en primeira persoa a emoción das principais festas populares galegas. O espazo, producido por Rodaxe Xestión Audiovisual para V Televisión, estrea esta noite novo día de emisión -os venres, ás 21.40 horas, con reposicións os domingos, ás 13.30- cun repaso ao San Froilán de Lugo, no que percorrerá o adarve da muralla romana, visitará as casetas do polbo e conversará con Di Elas, o grupo de Luís Tosar.

-¿Cal é o espirito do programa?

-Trata de contar como vive unha viaxeira unha xornada nunha festa popular galega, participando nos actos, coñecendo á xente e probando os productos. Non somos reporteiros, tratamos de vivir a festa en primeira persoa para que a xente se identifique. Se hai que correr diante do boi de Allariz, alí estamos. Trátase de coñecer de cerca a nosa cultura. Por exemplo, na Festa do Queixo de Arzúa fixen queixo, na Feira do Mel estiven coas abellas, e na Festa da Troita de Oroso pesquei no Tambre. Alí estiven desde as sete da mañá, río arriba e abaixo...

-¿E picaron?

-Non pesquei nada, pero volvereino intentar.

-¿Que cousas descubriu como viaxeira televisiva?

-Fascináronme cousas como as paisaxes dos cañóns do Sil, o carnaval de Laza ou a Rapa das Bestas. Tampouco coñecía a romaría da Virxe da Franqueira, en A Cañiza. Un día erguémonos ás cinco da mañá e fixemos a peregrinación cun grupo ao longo de 19 quilómetros baixo a choiva. Desta forma vives de cerca o que significan estas festas para as persoas. Tamén estivemos en Lourenzá, e descubrimos o traballo que se pasa para coidar algo tan sinxelo como unha faba. A xente defende moito o que considera seu e eu valoro moito iso.

-¿Xa era vostede festeira antes do programa?

-Coñecía festas como o San Xoán coruñés, o Festival de Ortigueira ou o San Froilán de Lugo, pero todas elas son acontecementos que paga a pena vivir desde dentro.

-Ao final, ¿todas as festas son iguais?

-Todas teñen algo en común, especialmente esa parte que agora está de moda como son os chiringuitos e parte de mercadillo, pero cada unha ten a súa identidade. As festas gastronómicas comparten o seu carácter familiar, mentras que as relixiosas sempre son máis íntimas e respectuosas. Despois hai outras como o boi de Allariz, a Rapa das Bestas ou os carnavais que son únicas e diferenciadas.

-E esta noite estará no San Froilán, con Luís Tosar...

-Estivemos cos cinco compoñentes de Di Elas nas probas de son e falamos con eles de moitas cousas. Estaban moi contentos, porque remataban a xira de concertos na súa cidade.

-As festas son para o verán. ¿E que pasa en inverno?

-En inverno tamén hai moitas festas, aínda que algunhas menos coñecidas e con menos xente. Somos a comunidade que máis festas ten, tanto en inverno como en verán. En Galicia sempre hai algunha festa que celebrar.

marta doviro presentadora de «a mochila do viaxeiro»