V Televisión comeza hoxe «Lendas vivas», unha serie dedicada ás tradicións orais galegas
16 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.V Televisión estrea hoxe, ás 21.45 horas, Lendas vivas, unha serie de trece capítulos dedicada ás historias transmitidas en Galicia dun xeito oral ao longo dos séculos. Dende a Santa Compaña ao mito de Santo André de Teixido, Xosé Couñago descríbenos, dun xeito dramatizado, as lendas galegas máis importantes.
-¿Cal é o obxectivo da serie?
-Divulgar historias lendarias de Galicia. En trece capítulos amosamos tres lendas de cada provincia e unha xenérica.
-¿Entón, hai lendas propias de determinados lugares?
-En Galicia son incontables as lendas que existen, non hai aldea que non teña. Escollemos unha variedade tipolóxica de lendas, que van dende as históricas, pasando polas animistas vinculadas aos rituais das augas e as árbores, ata chegar as que teñen coma protagonistas a seres imaxinarios.
-¿Como se trata cada tema?
-Son documentais ficcionados. Hai unha presentación dos lugares da lenda, das súas características, os seus significados e orixe e entrevistamos a testemuñas directas que nos poidan contar a lenda, por iso se chama Lendas vivas. E finalmente, ficciónase o relato que nos conta a xente con actores nos propios escenarios.
-¿Seguen a estar en vigor estas lendas?
-Desgraciadamente, rompeuse a correa de transmisión desta cultura ancestral. Un patrimonio oral que se viu transmitindo dende hai miles de anos chega agora ao momento en que se racha a súa continuidade. A única forma xa que temos hoxe en día de recuperar esta cultura é a través do ensino ou da divulgación, como o que agora vai facer V Televisión.
-¿Hai elementos singulares galegos?
-Nós formamos parte dunha cultura atlántica e temos elementos propios dela, como os lugares da fin do mundo, lugares vinculados á transmigración das almas. A tradición das mouras tamén é propia do noroeste, pero tamén hai outras emparentadas co resto da Península.
-¿A Santa Compaña é a lenda estrela en Galicia?
-É a máis estendida de Galicia, non hai parroquia de Galicia que non teña algo que contar sobre a Santa Compaña. Vai ser a nosa reportaxe xenérica de toda Galicia. Tamén é ancestral e pérdese na memoria dos tempos, e ten unha compoñente relixiosa moi clara, pero tamén antropolóxica que fai referencia as crenzas precristiáns da transmigración das almas. É máis, non se entende que a Igrexa non incorpore na súa propia cultura á Santa Compaña, que a rexeita.
-¿Por que naceron as lendas?
-Teñen unha función pedagóxica en varios sentidos. A lenda ensina rituais de curación ou de procreación, pero tamén prevennos de lugares perigosos, sitios por onde non se debe andar de noite porque poden estar habitados por seres maléficos. Hai lendas tamén con ensinanzas morais e incluso históricas.