María Bouzas: O éxito dunha actriz integral

miguel anxo fernández

TELEVISIÓN

27 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A súa popularidade medrou coa súa actual Francisca Montenegro para o serial El secreto de Puente Viejo, co que Antena 3 linda nos dous millóns na grela vespertina, e que ven de ser renovado ata final de ano. Pero María Xosé Rodríguez Bouzas, María Bouzas, nacida en Mugardos, 1962, de traxectoria ponderada e consolidada, xa era ben coñecida do teatro e da ficción audiovisual galega. Formada na Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid (1983-1987), integrouse un ano despois no Centro Dramático Galego e será por ese tempo cando se estree como actriz de reparto no filme galego Urxa, nunha relación co cine que se estenderá no futuro a varias longas e curtas con Raúl Veiga, Gerardo Herrero, Luis Avilés, Jorge Coira, Patricia Ferreira, Ramón Costafreda e tantos outros.

Comparte o CDG cos grupos Teatro da Lúa e Teatro de Aquí, e xa en 1992 crea a Compañía Marías xunto a María Pujalte, coa que traballarán algún tempo. Así a todo, foi novamente a televisión a que a converteu nunha actriz querida da audiencia galega. Exerceu de presentadora na TVG, pero sobre todo foi a veterinaria protagonista de Terra de Miranda, ademais de saír en Pratos combinados, A familia Pita e mesmo nalgunha aparición en series españolas. Non está mal para aquela nena emigrada en Suíza que lembra o seu primeiro papel, o dun gnomo malvado nun conto dos irmáns Grimm. Malvada é tamén a súa actual Montenegro, todo o contrario da boa de María Bouzas, xa unha gran dama dos escenarios e máis das cámaras.