«V Clips» descobre o proxecto galego do batería dos 60 millóns de descargas

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ.

TELEVISIÓN

O vídeo, realizado por Jairo Iglesias, emitirase no programa do venres, ás 15.05 horas

09 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Cobus Potgieter é autodidacta. Este mozo de 24 anos e apelido impronunciable comezou a aporrear tambores hai oito anos por diversión. Hoxe continúa porque «non pode evitalo». Faino tan ben que a súa canle de YouTube supera os 172.000 seguidores, o que o converte no número 63 entre todos os músicos do mundo (e, por suposto, no primeiro da súa Sudáfrica natal).

¿Que é o que fai Cobus neses vídeos? Divertirse: interpretar, con precisión milimétrica e ritmo endiañado as cancións que máis lle gustan. Só un par de cifras: Let's Get Started , de Black Eyed Peas, leva máis de dous millóns de reproducións. O Umbrella de Rihanna, vía Vanilla Sky, achégase aos 3 millóns. En total, máis de 60 millóns de descargas para un artista sen un só tema propio. Ata o de agora.

Iago Pico tamén descubriu a Cobus na web e, ao momento, viu que era o que estaba a buscar. Cáseque un ano de mensaxes por Internet e unha maqueta convencérono de que aquel rapaz ía en serio. Así que colleu a maleta e plantouse quince días na súa casa, nos Pousada Son Studios de Ames. O Proxecto Cobus entraba nunha nova fase.

Esa canción era Heroes e, dende hai unhas horas, o seu impactante vídeo está xa na web. O director, Jairo Iglesias, tiña claro que quería «facer algo con marines americanos». A Iago preocupáballe dar unha imaxe pro ianqui que non era real, pero deixouse levar. Bastante tiña con pelexar co inglés. Custoulle 70 tomas acadar unha fonética que o convencese. Mentres, unha empresa especializada en airsoft (unha variante do paintball) achegou soldados e equipo. A invasión rodouse en cinco días entre Valladolid, Viveiro e Santiago.

En só 72 horas na Rede, o teaser do clip superou as 30.000 visitas. Non era para menos. Heroes é a primeira creación orixinal de Cobus (Iago e el aparecen como produtores do tema ao 50%).

E, tamén por primeira vez, haberá que pagar pola súa música: a canción xa se pode descargar de iTunes. Pero iso non quere dicir que abandone os seus famosísimos covers. O proxecto inclúe outra ducia de drum sessions subindo o listón formal: multicámara, alta definición... e o logotipo da produtora de Jairo, Píxel Films, ben visible ao fondo. Diante, Cobus, seguirá a divertirse coma sempre, facendo o que máis lle gusta: «Golpear cousas con paos».