Siro López: «Aos políticos habería que impoñerlles o sentido do humor»

Manuel Costoya
Manuel Costoya REDACCIÓN/LA VOZ.

TELEVISIÓN

O ilustrador ferrolán elabora os guións de «Corre Carmela que chove», o programa satírico de V Televisión

10 jun 2010 . Actualizado a las 18:12 h.

O ferrolán Siro López é un nome consagrado no mundo da ilustración e do xornalismo. Hai xa case vinte anos, cando traballaba en Radio Voz, baixaba polas escaleiras dun coñecido hotel compostelán a un acto desta emisora, cando escoitou, desde lonxe, a voz de Manuel Fraga, daquela presidente da Xunta. Pensou que non era posible que Fraga estivera ofrecendo un discurso alí. É realmente non o era. Tratábase de Xacobe Pérez imitándoo. Foi unha intervención que non esqueceu e alí comezou a xestarse Corre Carmela que chove , un programa radiofónico de sátira política que adaptou V Televisión e que se emite todos os días ás 14.15 horas. Siro López é o encargado de facer os guións.

-¿Qué tal a experiencia?

-Moi laboriosa, e para o equipo sacrificada. Digo que é laboriosa para min porque eu estaba afeito a facer un guión semanal de sesenta minutos, con momentos de comicidade que aparecían cando cadraba. Agora fago cinco, de doce minutos e para televisión, que ten outro ritmo moi diferente. En cada bloque tratamos como mínimo dous temas, pero se podemos chegamos a tres ou catro. Hai que medir moi axustadamente a duración de cada texto.

-E todo cunha visión moi irónica da actualidade

-Isto é un oficio como outro calquera. Non ten maior importancia. Eu quero destacar a profesionalidade de todo o equipo, formado por Pablo Portabales, Moisés Morales, Alejandro Rodríguez López, Fernando Acebal e Xacobe Pérez, todos eles cunha gran vocación artística e capaces de manter a concentración nas longas xornadas de traballo que temos. O programa é laborioso, moi sacrificado e todo o equipo está facéndoo estupendamente.

-¿Por que hai tan poucos programas de sátira política en Galicia?

-Isto é un misterio que a min me gustaría coñecer. Eu creo que en xeral hai medo. Aos políticos habería que impoñerlles o sentido do humor.

-¿E como toman o das imitacións?

-En xeral estupendamente. Núñez Feijoo veu a C orre Carmela que chove (na súa versión radiofónica), a unha entrevista de case cincuenta minutos. Cando rematou, o home confesou que nunca pasara un momento tan difícil ao someterse a preguntas, en clave de humor, que formulaban todos os persoeiros do programa. Pero tamén dixo que nunca se divertira tanto, e isto debe ser o normal. A inmensa maioría dos políticos están encantados de ser convidados. É eu diría que só algúns non. Isto é moi curioso. Quen pode dubidar que Carlos Casares tiña un enorme sentido do humor e que el mesmo era magnífico humorista literario. Pero, por exemplo, aborrecía as caricaturas. É un misterio difícil de explicar. Por exemplo, un político ao que eu aprezo persoalmente, como é Camilo Nogueira, non ten apenas sentido do humor, pero si outras virtudes.

-Vostede leva moitos anos ao fronte de «Corre Carmela que chove», ¿que lle sorprende do seu equipo, agora en V Televisión?

-Que foron capaces de disciplinarse. Eles estaban afeitos a facer un programa de case unha hora de duración e como había moito tempo por diante, podían improvisar sobre o guión que eu lles escribía. E isto levábano facendo durante case quince anos. E de súpeto, vén o cambio, con textos máis curtos aos que deben cinguirse estritamente, porque en canto se saian del, descontrólase o tempo. Con todo, interprétano e deféndeno moi ben.

-¿E como xorden os persoeiros que logo se reflicten no programa?

-E que cada un do equipo ten facilidade para determinado tipo de voces. Outros en cambio, o que máis lles interesa son as peculiaridades e a expresividade da fala. Son eles mesmos o que me chaman a min. E dinme que, por exemplo, xa poden facer a Cándido Méndez, secretario xeral da UXT, ou Javier Arenas, do PP. E eu boto man dos persoeiros cando eu considero oportunos, claro.