Estíbaliz Pereira visita «Ata a cociña»
redacción/la voz |
O cociñeiro de V Televisión, Daniel Guzmán, recibe hoxe a visita de toda unha Miss España. A coruñesa Estíbaliz Pereira achégase a Ata a cociña , a partir das 19.35 horas, para propoñerlle ao chef un reto que debe cumprir, por suposto, relacionado con pratos de fácil elaboración.
Unha miss debe coidarse, é as froitas e as verduras forman parte habitual da súa dieta. Estíbaliz Pereira quere coñecer xeitos diferentes de aliñar ensaladas. Daniel Guzmán recolle o guante e ensínalle como, utilizando diferentes aceites e vinagres, facer vinagretas diferentes. Tamén utiliza ingredientes fáciles de atopar en calquera mercado, e de pouco valor calórico, que poden axudar a facer un bo produto que apenas engorda.
Para coñecer máis detalles haberá que ver esta nova entrega de Ata a cociña, na que Daniel Guzmán seguirá co esquema habitual do programa, no que o restaurador responderá ás preguntas que lle formulan os internautas.
Neste caso, descubrirá un truco para facer a carne máis tenra, tanto para elaborar guisos como noutras saborosas receitas.
Ao longo do programa, os espectadores saberán tamén como elaborar un cóctel sen alcol. Daniel Guzmán proponlle á modelo coruñesa facer un baseado en froitas tropicais.
Nesta xornada, V Televisión repón hoxe tamén a primeira entrega de Ata a cociña , con Manuel Manquiña, a partir das 13.35 horas. Neste caso, o actor quere agasallar á súa parella cunha cea romántica e pídelle axuda a Daniel Guzmán. Necesita algo sofisticado, pero de fácil elaboración. O cociñeiro prepáralle un parrulo con froitos vermellos en pouco máis de vinte minutos. Ata a cociña é un programa da produtora Telefábrica para V Televisión, que ofrece solucións a problemas diarios na cociña, con receitas de elaboración simple e baseadas en produtos naturais. Nesta primeira quenda de programas, ademais da Miss España Estíbaliz Pereira e Manuel Manquiña, participan as actrices Isabel Blanco e María Mera, a cantante Rosa Cedrón e a gaiteira Cristina Pato.