Receitas sofisticadas de fácil elaboración en «Ata a cociña», de V Televisión

Actores, modelos e músicos propoñen retos gastronómicos ao cociñeiro do programa


redacción/la voz.

Os programas de cociña teñen un importante auxe nos últimos tempos. Xa non se trata só de espazos onde se presentan receitas máis o menos elaboradas, senón de puro entretemento. V Televisión ofrecerá de luns a venres, a partir das 13.30 horas Ata a cocina , un programa onde non só se aprende como facer un prato para sorprender á familia e os amigos, senón que se presentan trucos útiles que marcan tendencia.

O elixido para conducir este novo proxecto é Daniel Guzmán, unha das novas promesas da gastronomía galega. É tamén profesor e, segundo os seus alumnos nas súas clases, explica os segredos da cociña dun xeito ameno e inspirador. Estas calidades servíronlle para poñerse a fronte deste novo espazo, onde axuda a persoeiros coñecidos a resolver situacións complicadas, cos fogóns de por medio.

O programa estrutúrase en varios apartados. O fío argumental é que un convidado famoso formúlalle un reto gastronómico, no que podería verse reflectido calquera espectador. Xa visitaron Ata a cociña Estíbaliz Pereira, Isabel Blanco, María Mera, Cristina Pato, Rosa Cedrón e Manuel Manquiña, o primeiro en estar con Daniel Guzmán, nun programa que xa se pode ver na web de cadea (vtelevisión.es).

Manquiña describe á perfección o que se pretende. Quere quedar ben cunha muller «non con calquera, senón coa miña», e proponlle a Guzmán a posibilidade de facer un prato espectacular en menos de media hora. Algo sofisticado, pero non extremadamente complicado. ¿É posible facelo? O restaurador demostra que si cun parrulo con froitos vermellos.

Cociñeiro e convidado mostran complicidade. Manuel Manquiña explica as súas limitacións entre fogóns e tamén fala dos seus proxectos profesionais. O seu receitario redúcese a pouco máis que unhas lentellas, «e como vigués unha boa caldeirada de peixe». Guzmán explícalle que hai vida máis alá. Cun diálogo fluído detalla a toda a audiencia as propiedades do produto no que se basea a súa receita.

Relación coa audiencia

A elaboración do prato altérnase con seccións de gran utilidade para o público. É o caso de Ten truco , na que o cociñeiro responde a sinxelas, pero recorrentes preguntas no mundo da cociña. ¿Que facer para rectificar un prato moi salgado?, ¿cómo evitar que choren os ollos cando se pela cebola? Son preguntas de fácil resposta, moi útiles. ?Daniel Guzmán tamén propón en cada programa a elaboración dun cóctel sen alcohol, baseado fundamentalmente en froitas frescas, pequenos tragos de fácil elaboración para calquera hora do día.

Ata a cociña

é un programa da produtora Telefábrica para V Televisión, que ofrece solucións a problemas diarios na cociña, con receitas de elaboración simple e baseadas en produtos naturais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos

Receitas sofisticadas de fácil elaboración en «Ata a cociña», de V Televisión