O cine en versión orixinal cumpre vinte anos con «Butaca especial»

Miguel Anxo Fernández

TELEVISIÓN

O espazo da TVG ofreceu títulos en inglés, chinés, xaponés, italiano e francés, entre outras linguas

10 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Desde que en xaneiro de 1990 a Televisión de Galicia puxo en antena Butaca especial para dar filmes con lendas en galego, son case 600 os postos ao dispor dos amantes do mellor cine falado nun amplo abano de idiomas, desde o dominante inglés ata o chinés, xaponés, italiano e francés, entre outras linguas.

Os cinéfilos gozaron en vinte anos de monográficos a directores (John Ford, Jacques Tati, Ozu, Rossellini, Peckimpah, Visconti?), actores (Gary Cooper, Rita Hayworth, John Wayne, Marlon Brando?), singulares (Kurosawa-Mifune, Corman-Poe?) ou temáticos (amores tolos, telelixo, cine dentro do cine?), entre moitos outros que cubriron o espazo cultural cinematográfico rexeitado por outras canles públicas, e a recuperar as voces orixinais que deron esplendor e gloria ao cine grande.

Actualmente só os cataláns a través de TV3 e os valencianos en Canal 9, poden gozar dun servizo semellante, coa particularidade de terse incorporado hai poucos anos, circunstancia que fai de Butaca especial o espazo decano en España dedicado ao cine con lendas.

A preparación dun ciclo así pode levar meses, sobre todo cando se trata de cine á marxe das produtoras de Hollywood, que adoitan ofertar lotes amplos para amañar ciclos como algúns dos mencionados. A dificultade está no cine europeo, pero sobre todo no de terceiros países. Cando nos filmes europeos (caso de Visconti ou Fellini) hai coprodución internacional, a versión que se comercializa é a inglesa, cousa que Butaca especial evita por preferir a versión orixinal. Noutras ocasións, o responsable da programación, Eduardo Galán, opta por dar valor engadido á oferta logrando copias coas versións íntegras, como foi co ciclo dedicado a Sam Peckimaph, no que se viron as copias enteiras de Major Dundee, Grupo salvaxe, Quero a cabeza de Alfredo García ou Pat Garret & Billy The Kid.