O comunicador afronta desde o próximo venres a nova temporada dun espazo que «non é o mellor do mundo pero que o pobo apoia»
16 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Luar
quenta motores ante a estrea da nova temporada o próximo venres. Xosé Ramón Gayoso estará, como sempre, a súa fronte, pero este ano persoeiros famosos acompañarano na presentación. A súa primeira parella de baile é Moncho Borrajo, o que seguirán outros como Silvia Jato e Paula Vázquez.
-Despois de tantos anos, ¿cantas temporadas e programas leva «Luar»?
-Imos comezar a décima oitava temporada. Programas, setecentos e pico... [fai unha consulta a unha compañeira e matiza]. Son 731.
-¿Está nervioso ante unha nova estrea?
-Claro. Teño vértigo. Sempre se identifica o éxito como subir pero antes non tiña nada que perder e agora si.
-¿Que se vai atopar o espectador de «Luar» este venres?
-Unha vez que Luar arrancou por sexta ou sétima temporada pensamos que na seguinte tíñamos que volver sendo os mesmos de sempre, porque a xente lle presta iso, pero con aire fresco. Entón decidimos utilizar aquel vello tópico de cambia para que todo continúe igual. O venres que ven haberá o mesmo espírito de festa, de verbena televisiva, pero con copresentadores. Nas dúas primeiras semanas será Moncho Borrajo e logo Silvia Jato. Estrearemos novas sección coma as dedicadas as coplas retranqueiras.
-¿E o humor?
-Haberá monólogos. Seguirán As cantareiras de Ardebullo e regresará Rober Bodegas.
-Este ano non volverá vostede a anunciar unha falsa marcha de «Luar», como fixo o pasado.
-[Ri]... Igual facemos outras bromas máis pesadas. Foi algo inocente, e buscando unha reacción do público. É que sorprender nun programa é moi complicado.
-Pero podería haber un «Luar» sen Gayoso.
-Non penso nun Luar sen min, pero ollo, porque pasaron 18 anos desde o seu comezo, non porque eu sexa indispensable. O programa non é o presentador. É un traballo feito por un grupo de xente con moita ilusión todos estes anos. ¿Cando Gayoso se retire hai que retirar «Luar» ou viceversa? Habería outro presentador, outro programa e outros contidos. Non pasa nada.
-¿É algunha vez se cuestionou a continuidade do programa?
-Nunca. Ningún director cuestionou a continuidade de Luar , nin agora nin cos anteriores equipos. Eu entendo que fóra a xente pense que as decisións políticas poden influír nunha televisión coma esta. Ben, non imos ser tan inxenuos de pensar que iso non é así. Agora, hai determinadas cousas que o pobo as sitúa no seu lugar. Eu non digo que fagamos o mellor programa do mundo, pero que o pobo apoia, senón cambiaría de cadea.