«Utilizo o personaxe de febre como unha metáfora da literatura»

Camilo Franco SANTIAGO

TELEVISIÓN

RAMÓN LEIRO

AUTOR DE «O SOÑO DA FEBRE» O escritor presentou en Compostela a súa máis recente entrega narrativa, «O soño da febre», un libro a media distancia entre os relatos e a novela que busca sorprender aos lectores

11 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Miguel Anxo Murado (Lugo, 1965) presentou en Compostela a súa máis recente obra narrativa, O soño da febre (Galaxia), acompañado por Carlos Lema e por Xesús Fraga. -¿Cal é a relación deste libro cos anteriores? -Non é unha colección de relatos como Mércores de cinza. É máis ben como Ruído ou como Memoria de derribos, un libro que mestura xéneros. Hai unha vinculación entre os relatos e mesmo hai unha historia que os vai enlazando. Digamos que é un experimento entre novela e libro de relatos. -Esa posibilidade entre xéneros foi apuntada como un futuro para a literatura. -A historia da literatura é unha construción a posteriori. Os escritores escriben máis variado do que a historia dá a entender. A min gústame estar nese xénero intermedio e mesmo nese intermedio que é que os relatos sexan ficción, pero a historia que os une non é completamente ficción por máis que tampouco sexa absolutamente autobiográfica. -Esa non precisión do xénero ¿cre que é cómoda pensando nos lectores? -Naturalmente, toda creación ten que ter un elemento de familiaridade, pero creo que ao lector hai que sorprendelo. E a utilización da estrutura permite que o lector non saiba que vai suceder. A verdadeira protagonista do libro é a febre, que é un personaxe e que funciona como unha metáfora da literatura e da situación na que se borran os límites da realidade.