O cambio climático dos festivais

Camilo Franco

TELEVISIÓN

KIKO DA SILVA

24 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Entre os medos que podemos ter para o porvir -que palabra- está o do de se o cambio climático botará a perder a primeira liña de praia cultural de Galicia, os festivais de verán. Ademais do que dicían publicitariamente uns grandes almacéns, o verán nótase en Galicia polas aparicións dos festivais: desde o rock á poesía. Non haberá tregua ata setembro. Un dos asuntos a saber é por qué os espectadores prefiren consumir cultura nos festivais a facelo na programación cotiá. Supoñamos: un grupo musical, compañía de teatro, película, chega a unha localidade en solitario, en programación habitual. Terá unha audiencia. Pero se chega como integrante do cartel dun festival a audiencia pode duplicarse. ¿Por que? Non hai que apurarse a pensar nas vacacións porque nos festivais de inverno pasa exactamente o mesmo. En pé de pedra é un dos primeiros festivais de verán e un dos que ten a fórmula máis singular: danza para paseantes. Este ano non viviu a edición máis completa: a danza parécese cada día máis á poesía experiencial, algunhas historias de egos en exhibición. Quizais fose mellor non explicala. Non participo da mítica e polo tanto non son nada fervoroso desa parodia esquemática e inxenua do xénero que é o Señor dos Aneis . Chega a macroexposición que, máis que responder á saga literaria, aproveita a imaxinería da película dirixida por ese home que, agás polas obras, lembra en algo a Michael Moore. A hipérbole innecesaria de cualificala como o acontecemento cultural do verán podería servir para alumearnos nese camiño do que entendemos por cultura e por qué teñen tanto éxito os festivais.