Xesús Rábade Paredes gaña o Premio Blanco Amor con «Mentres a herba medra»


la voz | ferrol

A partir de agora vai usar teléfono móbil. Polo menos iso asegurou onte un Xesús Rábade Paredes (Cospeito, 1949) moi contento despois de recibir o premio de novela longa Eduardo Blanco Amor, que se fallou en Cedeira. O escritor da Terra Chá atopábase en Mondariz pola mañá cando o chamaron ao móbil da súa muller para dicirlle que a súa novela Mentres a herba medra era a gañadora da 25.ª edición do premio, organizada polo Concello de Cedeira.A decisión foi tomada por maioría dos cinco membros dun xurado presidido por Darío Villanueva, que valorou sobre todo «a vontade estilística e mais a actualidade do tema desenvolvido» polo autor. Tamén salientaron que na obra gañadora tratábase unha temática «urbana e cosmopolita, claramente galega». Villanueva salientou que o autor, «que habitualmente é máis coñecido como poeta que como narrador», fai nesta novela, que será a terceira que publique, un uso «magnífico da lingua galega». En canto á trama, o autor conta unha historia vencellada a unha familia pero con moitas implicacións culturais, estéticas e políticas. O galardón literario está dotado con doce mil euros e a publicación da obra gañadora. Despois de recibir o premio, nun acto de entrega que tivo lugar na Casa Consistorial de Cedeira, Xesús Rábade confesou sentirse moi contento e foi moi breve na súa intervención: «Todo escritor busca a complicidade do lector» e dedicou o premio á súa muller e aos seus fillos (a súa filla, María do Cebreiro, tamén é escritora). Tivo así mesmo palabras de agradecemento para os membros do xurado e para os asistentes ao acto, xentes do mundo da cultura, como o presidente dos escritores galegos, e representantes da Xunta, da Deputación e de distintas institucións. Os organizadores desta edición lograron que o número de concellos que participan neste premio aumentara un terzo, pasando a ser 76, cada un dos cales aportou 360 euros, xa que todos contribúen coa mesma cantidade. Ademais, a Fundación Caixa Galicia patrocinou a entrega do galardón. Como é habitual, antes de rematar o acto tivo lugar o sorteo para escoller o concello que organizará a próxima edición do premio. Foi elixido Moeche (que curiosamente ten un alcalde natural de Cedeira), sendo o primeiro suplente Lugo, e o segundo, Moraña.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Xesús Rábade Paredes gaña o Premio Blanco Amor con «Mentres a herba medra»