«A estas alturas, ou dominan os nervios ou vanse para casiña»

María Rial REDACCIÓN

TELEVISIÓN

MEMBRO DO XURADO DE «SON DE ESTRELAS» Leva no mundo da música dende 1961 e asegura que «Son de estrelas» está a crear o auténtico fenómeno de fans do pop

27 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Nonito Pereira leva no mundo da música dende 1961 e asegura que «as estrelas se non nacen, se fan». Esta noite, volverá a exercer de xurado de Son de estrelas (TVG) e terá que puntuar aos concursantes unha vez máis. «En Galicia xa hai artistas de rock e folk importantes. A filosofía deste programa é atopar unha estrela do pop galego», explica Pereira. O produtor musical valora positivamente a evolución dos aspirantes a cantantes e coida que «haberá sorpresas», e dos 12 participantes, «catro ou cinco sairán con profesión». Pero tamén avanza que a partir da gala de hoxe o xurado vai ser moito máis crítico: «A estas alturas, ou dominan os nervios ou para casiña». -Despois de doce galas, xa terá algún favorito. -Teño catro ou cinco, pero as preferencias aínda poden mudar; un día o fan ben, outro regular... depende do rexistro que lles toque. Búscase ao cantante global e iso é moi difícil; se escoitásemos a Julio Iglesias cantando ópera sería horrible. O importante é que os concursantes atopen a súa personalidade musical. Se arranxan o desafine e lle dan o seu toque ao tema é porque teñen talento. -¿Os aspirantes estanse a converter en bos alumnos? -O labor é moi arduo. Non é nada sinxelo porque as traducións ás veces son difíciles de encaixar e a súa interpretación é dificilísima: I Love, en inglés, pasa ser Eu te quero moito, moito, moito... Teñen moitísimo mérito, iso é incuestionable. -¿O xurado nota a melloría en cada gala? -Ao principio, falabamos de desafinar, agora da tonalidade e de sentimento. Ata agora eran cantantes de karaoke ou orquestra. O que pretende o xurado é que aprendan a interpretar. As boas voces non son ningunha garantía na música actual, sábeo todo o mundo. No programa, hai xente que ten boa voz, pero a bota fora sen control, e outros que a teñen e conseguen interpretar. -¿Que non lle pode faltar a un bo artista? -O máis importante é a expresión, a estética (e non me refiro a que estean gordos ou delgados); que se movan ben polo escenario. Os artistas entran máis polos ollos que polos oídos. Agora, todo son play back e voces retocadas. Iso si, fora do escenario os artistas tamén se deben ao público. -Nesta fase final, ¿cal é o principal problema co que se atopan os aspirantes? -A xente segue saíndo nerviosa. Ao principio cústalles coller o ton, o que conleva que non poidan ir medrando ao longo da actuación. Comezan mal e están tan pendentes das cuestións técnicas que lles custa interpretar e esquécense ata da letra.