«Preocúpame máis o aspecto narrativo que o formal e técnico»

Concha Pino SANTIAGO

TELEVISIÓN

ÓSCAR CELA

O artista lucense fala dende Nova York da súa obra e da que forma parte da colección da Fundación Caixa Galicia, que a entidade expón en Santiago ata o 7 de abril

08 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A Fundación Caixa Galicia expón en Santiago, na sala da rúa Carreira do Conde, as obras pictóricas de Antonio Murado (Lugo, 1964) que forman parte da colección desta entidade. Murado fala desta mostra desde Nova York, onde reside dende hai anos, e cando na cidade dos rañaceos a temperatura non superaba os 10 graos baixo cero. -Si, en canto que se trata dos 103 cadros que forman a obra AM 34 x 24 Vol. 1 , que foi adquirida por Caixa Galicia a raíz de que se expuxera por primeira vez no Museo Provincial de Lugo. Trátase dunha peza única, a pesar do número de cadros, un diario visual do meu traballo, do que tiña feito e algúns avances e pequenos experimentos de cousas novas que dende aquela xa fixen. E tamén un percorrido vital pola memoria da infancia, da miña familia, de Lugo... -¿Nesa medida, é importante para vostede que estea nunha entidade galega? -Si, é ideal que estea aí, porque ademais das referencias persoais está Lugo e Galicia. -Ten pintado máis obras con referencias moi persoais. ¿É un tema recorrente? -É habitual que nunha medida ou noutra as vivencias persoais se trasladen á obra de calquera artista. Pero este políptico incide especialmente na cuestión persoal, nunha dialéctica narrativa e plástica. E cada vez máis. Facerse maior lévate a afondar na memoria, a que estea moi presente aínda que non sexa o que pinto. Preocúpame máis o aspecto narrativo que o formal e técnico, que ate hai uns anos era prioritario. -¿Por iso a súa obra é máis figurativa? -Sempre traballei nun territorio intermedio, e aínda que agora o resultado é máis realista, a columna vertebral é abstracta. Trato de ter un pé nun lado e noutro. O que pinto e como o pinto teñen unha relación insubstituíble. Non serve a mesma fórmula para contar cousas distintas. Trato de adecuar a técnica co que quero contar, e de facer interdependentes os aspectos técnicos e narrativos. -¿En que está a traballar? -Nunha especie de paredes. Cadros grandes que se transforman nas paredes nas que estaban antes cadros, obxectos decorativos... Son as ausencias e o abandono do que había nelas. -¿E tan grandes? -Son grandes, si. É importante ter unha relación co espectador, que o cadro dialogue coa persoa que está diante del. Por iso considero que é importante a escala. -Creo que vostede coñece aos Príncipes de Asturias, que teñen obra súa. ¿Como recibiu a noticia da morte de Érika Ortiz? -Non a coñecía persoalmente, pero sorprendeume a noticia e entristeceume moito. Quero aproveitar para enviar as miñas condolencias á súa familia.