Unha edición facsimilar presenta a colección completa da revista «Yunque»

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Os tres primeiros números foron atopados na casa dun ex alcalde republicano de Lugo O Centro Ramón Piñeiro recupera cun estudo a publicación que dirixiu Ánxel Fole

07 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

«Nace Yunque por razón de urbanidad», explicaban os responsables da revista no seu primeiro número, que agora, máis de 75 anos despois, é razón da historia. Non obstante, a historia foi azarosa coa publicación e non permitiu ata hoxe reunir a colección completa -seis números- nunha edición facsimilar con estudo que edita o Centro Ramón Piñeiro. Os números 4, 5 e 6 eran coñecidos polos investigadores, analizados para coñecer mellor a escritores como Ánxel Fole -o director oficioso de Yunque-, Álvaro Cunqueiro e Luís Pimentel e o clima político e cultural da Segunda República, pero faltaban os tres primeiros, descubertos por Claudio Rodríguez Fer na casa de Francisco Lamas, quen foi alcalde republicano de Lugo. O achado permite comprobar que os primeiros pasos de Yunque están ligados a Guión, unha publicación anterior da que os responsables da primeira se separaron por coherencia política. De feito, o carácter político e social está moito máis presente nesta etapa que na segunda, onde as colaboracións literarias medrarían para ocupar máis espazo. Deste xiro dá testemuño a desaparición do subtítulo «Periódico de vanguardia política», así como o incremento de achegas artísticas, que se suman ao habitual labor de Ánxel Johán. Nestes números 4, 5 e 6, publicados en 1932, Yunque tivo un colaborador de luxo como Federico García Lorca, quen publicou nas súas páxinas os versos galegos de Madrigal á cidade de Santiago . A lectura da revista permite aprezar o variado cosmopolitismo dos temas abordados e a súa concreción: artigos sobre a bailarina Isadora Duncan, a pintura de Arturo Souto, o teatro galego, xunto con traducións de poesía alemá por Mercedes Pimentel, irmá do poeta, quen tamén publicaría os seus delicados versos a carón dos de Cunqueiro. Trátase, como di Claudio Rodríguez Fer, dunha «vangarda integral», cunha altura de miras de vocación universal que non descoidou a súa conciencia galega. A edición do Ramón Piñeiro, ao coidado de Luís Alonso Girgado, Marisa Moreda Leirado e María Vilariño Suárez, cumpre co propósito de recuperar do esquecemento esta aventura editorial. Á coidada presentación facsimilar, engádese un completo estudo introdutorio que contextualiza e valora o papel de Yunque na historia da cultura galega. Quizais a mellor homenaxe, ademais da edición, a constitúe o índice de colaboradores da revista, onde cos nomes citados antes figuran Víctor Casas, Arturo Cuadrado, Luís Manteiga ou o propio Ramón Piñeiro (baixo o pseudónimo de Luís de Veiga), que sufriron morte, exilio ou depuración polas mesmas ideas que con tanta liberdade e paixón defenderon nas páxinas de Yunque.