Trinta reporteiros gráficos resumen en «Galicia en Foco» un ano de noticias

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

TELEVISIÓN

A exposición aberta no Colexio de Arquitectos de Galicia reúne 66 fotos publicadas en prensa O Club de Prensa de Ferrol, que organiza o certame, premiou ao fotógrafo de La Voz Álvaro Ballesteros

04 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A exposición Galicia en Foco chegou a Santiago co resumo dun ano en imaxes. A mostra, aberta na sede do Colexio de Arquitectos de Galicia ate o 2 de febreiro, reúne 70 fotografías tomadas por trinta e cinco reporteiros gráficos e publicadas en xornais galegos e de ámbito estatal dando conta dos acontecementos máis impactantes que sucederon en Galicia no último ano. Daquela, os incendios e as inundacións protagonizan este percorrido pola realidade. As fotografías desta exposición son seleccionadas polo Club de Prensa de Ferrol, promotor da iniciativa que dende hai dezasete anos premia unha das presentadas ao certame. A gañadora desta edición é o fotoxornalista de La Voz de Galicia en Santiago Álvaro Ballesteros. Fíxoa no concello de Oroso nun dos incendios que asolaron o país o pasado verán e aparecer publicada nas páxinas deste xornal. Ademais de Ballesteros, na mostra participan con dúas fotos cada un os tamén reporteiros gráficos de La Voz Sandra Alonso. Xoán A. Soler, Paco Rodríguez, Óscar Corral, Guillermo Sotelo, Santiago Míguez e Juan Marcos Míguez. O plantel de profesionais que completan á montaxe son doutros xornais e axencias de información con sede en Galicia. Galicia en Foco foi inaugurada na Casa da Conga, sede do COAG, polo secretario xeral da Vicepresidencia da Xunta, Antón Losada, que destacou o labor que desenvolven os xornalistas gráficos «ao captar e saber transmitir aos outros a vida dunha sociedade nun tempo determinado, e de facelo combinando a faceta informativa coa parte creativa». Felicitou Antón Losada aos promotores deste evento polo seu traballo. Santander e Barcelona No acto de apertura da mostra, que se poderá ver de luns a venres de 11.30 a 13.00 e de 19.00 a 21.00 horas, tamén interviñeron o secretario da delegación compostelán do Colexio de Arquitectos, Miguel Serrano, e o secretario do Club de Prensa de Ferrol, Luis Mera, que salientou que a exposición viaxará a Santander e Barcelona, ademais de continuar a súa itinerancia por Galicia. O catálogo que acompaña esta edición da exposición Galicia en Foco inclúe unha investigación sobre o fotoxornalismo dun profesor do Centro de Estudos em Tecnologías e Ciencias da Comunicaçao da Universidade do Porto. Unha selección do traballo realizado polo escritor ferrolán exiliado Xosé Rubia Barcia completa o catálogo.